OS TROMPOS, por Hugo Picallo
A orixe dos trompos é mais ben incerta aínda que se ten coñecemento da existencia de peonzas dende o 4000 a.C. posto que xa se atoparon algúns exemplares.
Os xogos con trompos tradicionalmente máis representativos son os seguintes:
O Corro
Faise un círculo e cada un dos xogadores lanza o seu trompo na orde asignada. Se este baila fóra do círculo, ou non baila, o trompo panda no centro do círculo e o resto deben de tirar para quitalo de este. Se algún trompo morre dentro do círculo tamén panda trompo.
O último xogador vai a por tódolos trompos e se falla será el quen pande trompo.
Os Puyazos ou os Monos.
Neste xogo poden tomar parte tódolos xogadores que queiran. O que obtivo o último posto ao determinar a orde do xogo deixa o seu trompo no acostumo e os demais lle atacan; se algún non dálle polo menos un puyazo ou fai pállaras perde e deixa o seu en lugar do outro.
Como se ve, este xogo é sinxelísimo pero os bos xogadores acostuman complicalo para o converter en xogo de destreza.
O corro (variante)
Trázanse dúas circunferencias concéntricas, unha de 0,5 m. ou menos, e a outra duns 3 m. de diámetro, adaptámolas ó espazo e ás habilidades dos participantes. Os xogadores tiran a discreción os seus trompos ao círculo de menor tamaño interior, tratando de que saian bailando ata o círculo maior ou fóra deste.
Perden e teñen que deixar o seu trompo dentro del os que fagan nobelos, os que non bailen dentro do círculo menor ou os que lle dean a outro trompo, pero o seu trompo non saia bailando fóra do círculo maior (ás veces estes últimos se deixan no sitio en que quedan ao morrer).
En canto hai algún trompo dentro os demais procuran quitalo fóra do círculo maior tirando os seus trompos ou peonzas segundo as condicións impostas. O mais frecuente é tirar ao queque e, se sae bailando a buxaina propia, apañala cantas veces se poda na man para seguir dando piques e mazadas; pero pódese impor unha sóa clase de puyazos.
Os trompos que fagan nobelos ou non saian bailando do círculo maior, e ás veces os que non dan puyazo ao ser chimpados, pasan castigados ao circuliño, e chámanse trompos mortos. Mentres haxa trompos mortos non se pode dar puyazo algún ós vivos. Ás veces permítese ó que perde por un trompo seguir xogando con outro, se o ten.
Quilas
Por parellas un xogador fai bailar o seu trompo, o outro recólleo e desprázase a un lugar preestablecido. Se torna co trompo aínda xirando gaña, polo contrario se se cae ou para, perde. Despois trócanse os postos.
As Postas
Para este xogo abonda con trazar un circunferencia duns 3 m. de diámetro. Designado a orde, cada xogador pon no centro do circulo unha moeda, un teixo ou outro obxecto co que se queira xogar.
Despois tira o primeiro o seu trompo e apaña para el cantas pezas consiga quitar do corro con toda clase de puyazos. As que non saian déixanse no
sitio en que quedan sen movelas; e se algunha quedase tocando a raia non se considera fóra ata que outro xogador a quite por completo.
En canto morra o trompo do primeiro, tira o segundo e xoga do mesmo modo, e así os demais.
Quitadas todas as moedas faise nova partida e continúa tirando o que lle corresponda, aínda que en ocasións en cada partida desígnase novo orde para tirar.
Para maior interese, xóganse tamén partidas de dous ou tres contra outros tantos, neste caso unhas veces tiran alternando un de cada equipo e outras, aínda que é menos frecuente, primeiro tiran todos os dun equipo e logo a continuación todo o equipo contrario; de calquera xeito, o que cada un quita é para todo o equipo.
Non hai Pousada
Trázase unha circunferencia duns 3 metros de diámetro e os xogadores divídense en dous bandos. Os do primeiro botan fóra do círculo os trompos do segundo ata que perdan e muden de posto.
Para iso, os do segundo equipo poñen os seus trompos no centro do corro; os do primeiro, xuntos ou separados, tiran os seus trompos unha sóa vez cada un e, valéndose de toda clase de puyazos procuran quitar os outros do corro.
Se conseguen quitalos todos, volve a repetirse o xogo cantas veces o fagan; pero se algunha vez queda algún trompo do bando contrario dentro entón poñen os seus, e os do outro bando xogan en igualdade de condicións.
Neste xogo non importa que algún equipo faga nobelos; o dono só perde cando perde o seu bando; pero na quenda en que o fai non pode voltar a tirar ata que lle corresponda na volta ou quenda seguinte.
Historias de vida: as nosas avoas
Esta presentación é un resumo dos traballos realizados polo alumnado de 4º da ESO do curso 2008-09. Neles, atendendo a un guión proporcionado polo profesor debían recoller información sobre a vida das súas avoas ou, de non ser posible, doutras mulleres de idade similar. A partir da información conseguida nas entrevistas elaboraron unha presentación, na que o texto ía acompañado de material gráfico, a ser posible orixinal. Os temas xerais nos que se ordenou a presentación foron: a escola, o lecer, matrimonio e fillos, os traballos, a casa, a aldea, a vida e a política. Neste resumo usáronse fotos aportados polo alumnado, completadas con outras recollidas en anos anteriores, que forman parte do fondo fotográfico do Museo Escolar Ferro Couselo, e algunha baixada da rede.
A realización do traballo foi moi gratificante, tanto pola implicación do alumnado, como pola información recollida, máis interesante para axudarlles a comprender o pasado e os cambios no tempo, os da súa familia, pero tamén os da sociedade na que viven hoxe.
Adiviñas e cabalos bravos
Clodio González Pérez- Galicia-Hoxe
Estes días pódense admirar no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, dúas exposicións escolares que ocupan todo o primeiro andar do claustro de San Domingos de Bonaval, obra do arquitecto Domingo de Andrade. Moi diferentes en contidos e presentación, pero unidas polo feito de seren as dúas traballos escolares galardoados pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas.
Os autores da primeira, a das adiviñas, son os nenos e as nenas do Colexio de Educación Infantil e Primaria A Cristina de Carballo. Non é tarefa doada pasar a palabra á imaxe, e máis cando se trata da representación plástica e sinxela de textos enigmáticos, verbo dos que cómpre cavilar -a veces dabondo- para chegar a descubrir o significado. Pero no caso desta exposición é doado, pois os visitantes descobren entre xogos e debuxos a importancia lúdica e pedagóxica das adiviñas, tan do gusto dos devanceiros, cando había que pasar o tempo (non matalo, como agora diante da televisión) á calor agarimosa dunhas achas de carballo.
Estamos na época da matanza do porco (Polo San Martiño, mata o teu porquiño, avisa o refraneiro), e por iso unha das adiviñas que antano non podía faltar estes días, logo de pendurar os chourizos no caínzo da lareira, era a seguinte, igual ou moi semellante a como a recollen os nenos e as nenas de Carballo: Pínguili pínguili estaba pingando/ e mínguili mínguili estaba mirando./ Se pínguili pínguili non pingara,/ mínguili mínguili non miraba. A resposta é os chourizos frescos que pingan e o gato que non deixa de mirar para eles, relambéndose de gusto polo que poida pasar.
Pero non todas as adiviñas deben ser antigas. O bo é cando a lingua segue creando, que está viva e anda co tempo e as innovacións, como ocorre con esta: Son doce coma un bombón/ duro coma o carbón,/ son parente do polvorón/ Que é? Un doce que agora non falta en ningunha mesa a noite de Nadal, pero non así antes en que era raro: o turrón.
A segunda exposición, totalmente distinta á anterior, tanto no tocante á presentación como ao contido, débese aos alumnos e alumnas do Instituto de Gondomar, fermosa vila do sur da provincia de Pontevedra. Con ela non só se quere dar a coñecer como se desenvolve a cría dos cabalos bravos ou explotados en réxime de liberdade, senón darlle pulo, tendo en conta que os animais poden constituír unha achega económica para os veciños e que tamén limpan os montes, evitando os incendios forestais.
No concello de Gondomar celébrase o curro de Morgadáns, e no lindeiro de Oia, os de Mougás, Torroña e A Valga. Non se sabe dende cando hai aquí cabalos bravos, pero non falta quen xa identifica a súa doma nalgún petroglifo protohistórico, como nun da parroquia de Viladesuso (Oia). O espectáculo daquela debía ser semellante ao que se repite agora unha vez ao ano: xuntar os animais, metelos no curro, marcalos, cortarlles as crinas, etc. Unha loita simbólica de dominio entre o home e o animal, da que sae sempre vencedor o primeiro non pola forza, senón pola destreza.
Ademais destes, en Galicia teñen lugar curros de cabalos nas catro provincias, pero sobre todo na metade norte da de Lugo (Cordal de Neda, Os Toxosos, O Xistral, Os Buios, A Gañidoira…), na metade occidental da da Coruña (Touriñán, Muxía, Buxantes, A Barbanza, Vimianzo…) e na de Pontevedra, no norte (Sabucedo e Amil), nos lindeiros coa de Ourense (Serra do Faro e Suído) e no sur, os xa citados de Gondomar e Oia, xunto cos do Galiñeiro e Paradanta.
Parabéns para os nenos e nenas de Carballo e Gondomar, e tamén para o profesorado por espertar neles a inquedanza polas nosas adiviñas e por coñecer o mundo dos cabalos bravos.
A petanca, por Hugo Picallo
HISTORIA
A Petanca é un deporte popular tipicamente provenzal que se practica na Arxentina, Uruguai, Francia e España, sobre todo na zona do Mediterráneo.
O xogo procede de Occitania, onde goza de gran aceptación e o seu nome procede da expresión “pés xuntos” en provenzal.
Existe unha federación que regula as competicións oficiais deste xogo, considerado xa como deporte.
Ó contrario do que a xente pensa, a petanca non é patrimonio exclusivo de xubilados senón tamén serve para tódalas idades, dándolle un novo aire lúdico-competitivo.
A petanca axuda na mellora do estado físico, a concentración, a forza, a coordinación óculo-man e a puntería, ademais de ser un deporte que non require de moito esforzo físico, posto que non cansa, é ameno e divertido.
¿COMO SE XOGA?
A Petanca é un deporte no que participan dous equipos, que poden estar formados por un, dous ou tres participantes e ser mixtos.
O obxectivo é lanzar as bolas de aspecto metálico para deixalas o mais preto posible do boliche de referencia. Pódese practicar en calquera terreo de xogo como pode ser na montaña, parque, praia… tendo en conta que o que non debe variar son as súas dimensión de 4 x 13m.
Cada equipo debe de lanzar as bolas e deixalas o máis preto posible do boliche ou darlle ás bolas do equipo contrario para afastalas do boliche. O punto de lanzamento é un círculo que se fai no chan dun diámetro aproximado de 50 cm.
As partidas xóganse a 13 puntos, exceptuando a final que se xoga a 15 puntos. Para saber que equipo comeza a tirando na partida pode facerse ó azar lanzando unha moeda e o que acerte comeza a partida; ou lánzase o boliche e cada equipo lanza unha bola, a que quede máis preto do boliche será a do equipo que comece a xogar.
As bolas oficiais son metálicas (con nenos é recomendable usalas de práctico) e teñen un debuxo diferenciador das outras bolas, normalmente cada dúas bolas é un debuxo determinado. Teñen uns 7-8 cm de diámetro e o seu peso oscila entre os 650 e os 800 gramos.
O Boliche é unha bola pequena de 25 mm de diámetro, de madeira e é o punto de referencia
¿QUE É A “FANNY”?
A Fanny é unha figura mítica neste deporte, esta era unha señora moi amable, boa, cariñosa que consolaba ós xogadores que nas partidas non conseguían ningún tanto (13-0).
Hoxe en día en Francia, ós que perden 13-0 fanlle bicar a fotografía do cu dunha señora.
As Carreiras de Sacos, por Hugo Picallo
As carreiras de sacos practicábanas, principalmente con motivo das festas patronais, rapaces de tódalas idades, pero, sobre todo, mociños, pois require habilidade. Case sempre tiñan lugar no campo da festa e os gañadores acostumaban recibir algún premio aportado por algún establecemento comercial da zona.
Os participantes metíanse nun saco que ataban á cintura cunha corda ou agarraban simplemente coas mans, e a saltos ,pois doutro xeito non é posible, trataban de chegar á meta, alentados polos amigos e familiares adultos.
As frecuentes caídas facían o divertimento dos veciños que se xuntaban para velos. Aínda hoxe as carreiras de sacos forman parte dos programa de festas nalgunhas parroquias ou concellos.
Non está permitido agarrar nin empurrar aos contrarios.
É un xogo onde, alén da forza física, conta moito a coordinación e o ritmo corporal. Por regra xeral acostuman chegar os primeiros os que non sofren caídas ou enguedellan os pés no saco ao saltaren.
Gaña o primeiro que chegue, sen cometer faltas (caídas, empuxóns… ) ata a liña marcada como meta.
Material:
Sacos de tea: son os máis idóneos, coma os do penso de animais, aínda que son mellores os das patacas. Non serven sacos de papel, posto que non son resistentes e ao se mollar rompen.
Sacos de plástico: son resistentes pero teñen o inconveniente de ser moi esvaradíos, tanto para agarrar como para correr.
Variantes:
- Por parellas: Dous rapaces ou dous mozos de, aproximadamente, a mesma estatura meten un o pé dereito e o outro o pé esquerdo no saco, atándoo á altura das nádegas e pasándo os brazos por detrás saltan ó compás.
- Cun balón: De xeito individual cando non se teñen sacos, nalgunhas zonas usan un balón. Os participantes colócano nos xeonllos e saltan sen que o balón caia.
- De velocidade: Metidos os nenos nos sacos, trazan dúas liñas paralelas a certa distancia, por exemplo, dez metros. Nunha colócanse os corredores e a outra serve de meta. Gaña o que chegue antes á liña de meta calquera que sexa o número de caídas sufridas.
- De firmeza: Similar ó anterior, pero o gañador é o que salva a distancia entre a saída e a meta co menor número de caídas.
- De resistencia: O gañador será o que chegue máis lonxe da liña de saída de entre todos os que queden a pé. A medida que vaian tropezando e caendo os corredores quedarán eliminados da proba. O vencedor será o derradeiro xogador que quede en pé.
O XOGO DA RÁ, por Hugo Picallo
HISTORIA
Este xogo é moi antigo e inventouse en Exipto, onde exipcios, gregos e romanos xogaban a algunhas variedades do ‘xogo da rá’, chamado ‘xogo do Tonel’. Colocaban a unha altura elevada unha ánfora, da cal acababan de beber; a continuación intentaban introducir pola súa boca unhas pedras e aquel que non acertaba a introducila pagaba o consumido.
O xogo da rá é un xogo tradicional (do século XIX) de lanzamento de puntería e precisión, que en Galicia desenvolveuse en lugares como tascas e tabernas, compartindo espazo con outros xogos como os Bolos, a Chave ou a Petanca. Segundo o dicionario da Real Academia Española dí: “Juego que consiste en introducir desde cierta distancia una chapa o moneda por la boca abierta de una rana de metal colocada sobre una mesilla, o por otras ranuras convenientemente dispuestas”.
FICHA TÉCNICA
Xogo: Individual, podendo nalgún momento xogarse por equipos, sendo estes de dous xogadores.
Idade e lugar de xogo: Normalmente xogaba xente maior, xa que nos meses de inverno practicábase no interior das tabernas e no verán colocábase na súa porta como atractivo para os cativos.
Partidas: a maior parte non xogaban cartos, era a consumición efectuada (unha xerra de viño,cuncas, etc…).
MATERIAIS
Unha mesa da rá, preferentemente de madeira e deberá ter 9 buratos, algúns deles con obstáculos.
Os petancos ou petacos, 10 fichas ou discos de ferro que son as que se lanzan.
A distancia de tiro é de 3’80 m dende a liña de tiro atao centro da rá, situada sobre a mesa a unha altura de 80 cm
PUNTUACIÓN
Hai campionatos (por exemplo en Asturias) onde só se xoga coa rá, e a puntuación é fácil, cada ficha que entra pola boca da rá vale 1 punto ou tanto, e as demáis cero puntos, gañando o xogador ou equipo que sume maior número de puntos ou tantos ó remate da partida. Pero se xogamos dun modo máis recreativo cunha mesa que teña varias opcións a puntuación é: Rana 50 (ou 100) puntos, Molinete 25 (ou 50) puntos, Pontes e Buratos: 10 puntos, sumándose os que se vaian conseguindo en cada tanda de 10 fichas.
Outra modalidade de puntuación é pactar a cifra pola cal imos xogar por exemplo a 285, entón cada xogador ou equipo terá que usar unha estratexia de xogo dependendo do lugar polo que introduza a ficha precisará meter pola rá, molinete, pontes ou buratos para acadar a puntuación pactada inicialmente.
O pozo de Gontade, por Noelia Maquieira
Este é o único pozo de Gontade. Antes collíase a auga deste pozo, pois non había auga da traída. Usábana para beber, lavar, cociñar e para os animais.
Para facelo tiveron que ao monte Xesteiras, cargar as pedras a man nun carro de bois. Unha vez que as pedras estaban na aldea traballábanas a man con ciceis e martelos, ata darlle a forma que querían. Así foi como fixeron os aneis do pozo.
Un dos que fixeron o pozo foi un devanceiro meu, chamado Manuel Magán, que era moi bo canteiro. Fixeron o buraco do pozo cun pico, unha picaraña e unha pá, ata chegar aos 11 metros de profundidade que ten o pozo.
Unha vez rematado o buraco, colocáronlle os aneis de pedra. Por último puxéronlle unha tapa de madeira e un ferreiro fixo o arco de ferrro, onde se colocou a roldana. Pasaron a corda pola roldana e engancháronlle un caldeiro de cinc, moi pesado, e así cando se soltaba a corda o caldeiro ía parar ao fondo do pozo, enchéndose de auga, que se sacaba turrando pola corda.
O San Roque de Sevil, por Carmen Miranda e Lorena Núñez 3ºB ESO, Lorena Fontenla e Cristina Rodríguez, 1º ESO

Ponte de San Roque (1)
De todas as festas hai unha tradición especialmente singular, que é a procesión de San Roque de Sevil. O santo é levado en procesión dende a igrexa parroquial de Cequeril até o Campo da Torre de Sevil, nun percorrido por todas as aldeas da parroquia a través de camiños que cruzan os lugares e sendeiros polo monte.
Segundo parece, a orixe da festa está nun ano de peste que matou animais en todas as casas. Tres mozas e dous mozos de Sevil fixéronlle unha novena a San Roque, avogoso dos animais, que continuou durante moitos anos, e quitaron ao santo en procesión. Dende aquela, deixaron de festexar o Carme e comezaron coa celebración do San Roque, fai disto máis de 90 anos.
Segundo o santoral, o San Roque é o 16 de agosto, pero en Sevil os veciños recordan a festa, desde sempre, o 21 de agosto. Descoñecemos o motivo real deste “cambio”, pero todo nos fai pensar que debeu pasar o mesmo que co Socorro de Cequeril: ao coincidir coas patronais da parroquia de Cuntis e co San Roque de San Martiño, en Moraña, trasladaron a data para asegurar o mantemento da festa.

Ponte de San Roque (2)
Actualmente a procesión sae ás 8 da mañá. Hai anos o percorrido era moito máis longo, polo que a hora de saída era ás 6:30 ou 7 da mañá. Ademais, dende que se fai o Socorro en Cequeril o dia 20, resulta máis difícil levantarse para acompañar a procesión, especialmente os mozos.
Da igrexa parroquial ía a Traselle –agora xa non pasa por este lugar-, A Penela, Cequeriliño, Mato, Camiño Vello de Mato- hoxe é monte pechado pero aínda se poden ver as ruínas dunha casa. A procesión pasa por un sendeiro que transcorre á beira destas ruínas, por debaixo dunha ponte-. De aí chega á estrada que une Cequeril con Campo Lameiro, logo vai á Rampla da Portela, camiña por unha vía romana e penetra en Vilar de Mato: primeiro recorre o Quinteiro de Arriba e despois o Quinteiro de abaixo.
En Portavezal cruza o río e vaise achegando a Sevil a través do monte. A única parada que fai a procesión é na taberna de Francisco Guimarei, no Agro Maior, en Sevil. Alí pousan o Santo e gaiteiros, cura e procesionais repoñen forzas cun grolo na taberna.
Continúa a procesión até chegar ao Campo da Torre, en Sevil, despois de percorrer toda a aldea, e alí celébrase unha misa campestre. Todo isto dura arredor de dúas horas, polo que estamos falando xa das once da mañá aproximadamente.
Ao remate, o San Roque é trasladado, esta vez xa en coche, até a igrexa parroquial de Cequeril e a unha do mediodía celébrase a misa cantada co santo xa de volta. Durante a procesión pasámolo moi ben. Bótanse foguetes, van tocando as gaitas, contámonos contos e, pola noite, hai verbena en Sevil.
Durante uns anos a procesión achegábase até a Hermida. Os veciños pedíranlle ao cura que lla levara, e como isto supuña máis cartos para a festa, non tivo inconveniente. Máis, despois duns anos, deixou de ir. Hai quen di que foi porque o percorrido se facía moi longo, pero tamén hai os que afirman que o cura fíxoo por non meterse no “territorio” do seu homólogo da parroquia de Cuntis, a que pertence A Hermida.
San Roque, avogoso dos animais
A xente esperaba a chegada da procesión para pasar un brazado de pabóns, espigas ou verzas polo santo e ofrecerllo logo aos animais. Tamén lle deixaban mandos de herba pola beira do camiño polo que pasaba o santo. Todo isto para que non lle entrara a peste aos animais durante o ano.
Despois facíase unha puxa en Cequeril, ao pé do cruceiro, ao remate da misa cantada. Formaban parte da poxa uñas de porco, “uvas dos paxaros”- acios de uvas que maduraban máis cedo-, espigas ou patacas que sobresaíran polo seu tamaño. O recadado era para o cura, como tamén os cartos que os parroquiais colgaban do santo ese día.
A ponte de San Roque

Ponte de San Roque (3)
O tramo máis fermoso da procesión e o que transcorre dende a aldea de Vilar de Mato para penetrar na de Sevil. Para isto, hai que cruzar o río Umia no Portavezal, concretamente na Fontiña. Chámase así, loxicamente, porque neste lugar hai unha fonte.
Para facer unha ponte os veciños de Sevil cortan dous eucaliptos o bastante longos para cruzar o rio e cúbrenos con garabullos que serven de base. Hai anos iso era moito máis difícil, xa que os donos das fincas de Portevezal ían vixiar para que non lle cortaran ningún abeneiro ou piñeiro. Isto obrigaba aos mozos a subir río arriba xuntando pólas de abeneiro para facer a ponte. No orzamento da festa incluían un paquete de puntas, necesarias para apuntala.
É costume que cada aldea limpe os camiños polos que pasa a procesión. Ademais disto, os de Sevil teñen que limpar o campo da festa e facer a ponte de San Roque. Fai anos a ponte ía en dous ou tres tramos. De ser así o primeiro tramo facíano os veciños de Vilar de Mato. A procesión serve para crear un camiño de comunicación entre Vilar de Mato e Sevil, dende que se fai a ponte de San Roque até que as riadas a levan rio abaixo. Isto era especialmente importante fai anos, cando poucos tiñan coche e tiñan que baixar ao Baño (Cuntis) andando. Os de Vilar de Mato atallaban un bo treito se usaban esta vía.










