O Museo Escolar Ferro Couselo é froito do traballo levado a cabo por un equipo de profesores desde hai máis de dez anos, dirixido polo profesor Juan Andrés Fernández Castro. Eles foron os encargados de recoller, catalogar e organizar o material escolar das antigas escolas unitarias e dos colexios do Concello de Cuntis, e ademais pediron co alumnado e o profesorado do CPI Don Aurelio colaborase doando ou depositando no Museo obxectos de valor etnográfico. Creouse así un Museo que nos permite percorrer unha parte da historia da escola e da vida cotiá de Cuntis no século pasado.
O Museo pasou por distintos locais do Colexio, ningún deles axeitado para unha correcta exposición das pezas. O último cambio realizouse hai tres anos e o Museo permaneceu parado ata o curso pasado, cando os profesores Ana Real, Ramón Mariño e eu mesmo nos puxemos a preparar o local e a colocar os obxectos. Reinaugurouse así o Museo durante as VI Xornadas Culturais D. Aurelio (maio do 2008) nun pequeno e pouco acolledor curruncho do Centro.
A pesar de que non é o mellor local, é o único posible nestes momentos, e está a disposición da comunidade educativa do CPI e de calquera persoa interesada, durante o horario lectivo.
Este curso 08-09 o coidado e dinamización do Museo é responsabilidade do Departamento de Ciencias Socias, Xeografía e Historia, iniciando unha nova andaina que ten como principais obxectivos dar a coñecer o Museo ao alumnado e a creación duns instrumentos didácticos que fagan do Museo un elemento máis do proceso de aprendizaxe. A colaboración con outros departamentos e, principalmente, co Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística queremos que sexa a canle que nos permita chegar a facer do Museo un lugar vivo e cotiá.
A creación deste blogue, adicado ao coñecemento e difusión do patrimonio etnográfico e educativo recollido no Museo, pretendemos que sexa unha ferramenta fundamental para acadar os obxectivos citados. Desde esta porta o noso pasado se abre ao mundo para amosarnos a través da cultura material como traballábamos, como estudábamos…, como viviamos en definitiva.
Cada un dos obxectos acubillados, se lle sabemos preguntar, nos contará como eramos e, por suposto, tamén, como somos. Atrevédevos a preguntar, atrevédevos a coñecervos!











Alberto Armada dixo
Excelente.
Grazas por dedicar o voso tempo a recuperar outros tempos para a cultura compartida.
Paz Leirós dixo
Moi interesante: eu nunca vira un telurio
Haberá que facer unha visita ó voso Museo
Como traballades os de Cuntis!
´Mon dixo
É agradable volver a ver o museo e poder conservar asi anacos de memoria (etnográfica e da outra). Unha aperta
julia dixo
Parabéns!
Unha delicia velo eiquí,pero ainda mellor,velo no noso cole con vós.