Archive for Novembro, 2009

Salvemos os pombais

O rodicio do tempo

CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ, Galicia Hoxe- 28-11-09

Ao longo dos anos 1975 e 1976 percorrín Galicia enteira localizando pombais, co gallo de redactar un estudo verbo destas construcións que se basease na documentación e no traballo de campo. Investiguei o estado de conservación, se tiñan ou non pombas, a forma da planta… Polo que atinxe á última case non facía falta, pois con coñecer os dunha comarca case abonda para deducir que predominan os circulares. A conclusión foi a seguinte: o 72,60% son de planta circular, o 14% cuadrangular, o 4% octogonal e o resto, o 9,40%, varía, dende os monumentais de Samos e Vilanova de Lourenzá, ata o fermoso de Guillar (Outeiro de Rei), construído por un adolescente, segundo conta, agora na beirarrúa da estrada xeral da Coruña a Lugo.

Revisei e fotografei máis de 300 exemplares das catro provincias: 75 da Coruña, 42 de Lugo, 72 de Ourense e 111 de Pontevedra; dos que dende entón levan desaparecido varios, sen que ninguén se opuxese á súa destrución. En 1982 saía do prelo un resumo do devandito traballo (Os pombais galegos, Cuadernos de Estudios Gallegos, núm. 98), o primeiro monográfico dedicado a esta construción e, polo de agora, coido que tamén o último.

A posesión do pombal era un dereito señorial, exclusivo de aristócratas e eclesiásticos, de aí que se ergan de par dos pazos e das casas reitorais. A democratización non tería lugar ata o século XIX, ao seren abolidos definitivamente os dereitos señoriais que gozaban dende antigo estas clases sociais, sobre augas, montes, fontes, etc. Por iso na revolución francesa foi un dos edificios que máis destruíron os sublevados, a semellanza dos nosos devanceiros os irmandiños que escagallaron as torres, por teren que aturar dende sempre os danos debidos ás pombas ao longo do ano e, principalmente, na temporada das sementeiras. O 11 de agosto de 1789 decretábase que “le droit exclusif des colombiers est aboli”. Malia esta desfeita, en Francia quedan senlleiros exemplares por antigüidade e valor arquitectónico, sobre todo en Normandía e Aquitania.

Centrándonos na nosa Terra, sábese que na Idade Media xa había pombais, e, quizais, coa parte inferior dedicada a galiñeiro. Así debía ser o que lle aforou no mes de xuño de 1332 o mosteiro de San Pedro de Rocas a María López, sito en Vilar de Ordelles (Esgos, Ourense): “et ainda vos y damos o poombar que esta na cortiña de Domingo Ans do Paaço, e darnos edes del cada ano por San Martiño hun capom”.

En Francia existen rotas dos pombais que aquí tamén se poderían facer, tendo en conta os exemplares máis singulares, entre os que non faltan algúns que pola súa monumentalidade a inmensa maioría dos visitantes descoñece a función de tal construción, como ocorre cos dos mosteiros de Samos e Lourenzá. Non faltan tampouco outros que á vez son hórreos e habitáculos para as pombas, como un de Vilariño (Pereiro de Aguiar) e outro da Viña (Cea), ambos os dous en lamentable estado de conservación a última vez que os vin. A cría de pombas pasa por unha época mala, debido principalmente ao abandono do campo. Na miña nenez todos deveciamos por ter un pombal que, na inmensa maioría, era un caixón pendurado ao agarimo do beirado do hórreo ou doutra construción. Alí criaban dúas ou tres parellas de pombas, e botabamos pestes contra dos “pombos ladróns” que sabían engaiolar as pombas veciñas, rematando as máis delas no seu pombal. A ganancia era pequena, pero saborosa: un pombiño ao ano.

Remato cunha súplica: que as diferentes administracións non permitan a destrución dos pombais, por formar parte consubstancial do noso patrimonio relacionado cos pazos, as casas reitorais e as casas grandes. Sen eles, estes conxuntos arquitectónicos quedan mutilados para sempre.

Advertisements

Deixar un comentario

O Museo renóvase


Por fin conseguimos que o Concello amañase a porta do fondo do Museo. Despois, o conserxe Paco, pintou a parede e, así, o Museo quedou moito máis agradable, con máis espazo, con máis color e máis luz.

Por outra banda, incorporamos aos fondos do Museo o legado que nos fixo o recén finado Luis Rey (que descanse en paz), fillo de Don Aurelio. A doazón produciuse con motivo do 25 aniversario do Colexio, estando formado por libros, fotos e material usado por D. Aurelio nas súas clases. Despois duns anos expostos na entrada do Colexio, consideramos conveniente que pasaran definitivamente ao Museo.

Animádevos a visitar o Museo, está mellor que nunca como podedes ver aquí. Pero aínda debemos melloralo e amplialo, colabora!!!

Deixar un comentario

Pornografía infantil, non

Deixar un comentario

OS TROMPOS, por Hugo Picallo

A orixe dos trompos é mais ben incerta aínda que se ten coñecemento da existencia de peonzas dende o 4000 a.C. posto que xa se atoparon algúns exemplares.
Os xogos con trompos tradicionalmente máis representativos son os seguintes:

O Corro
Faise un círculo e cada un dos xogadores lanza o seu trompo na orde asignada. Se este baila fóra do círculo, ou non baila, o trompo panda no centro do círculo e o resto deben de tirar para quitalo de este. Se algún trompo morre dentro do círculo tamén panda trompo.
O último xogador vai a por tódolos trompos e se falla será el quen pande trompo.

Os Puyazos ou os Monos.
Neste xogo poden tomar parte tódolos xogadores que queiran. O que obtivo o último posto ao determinar a orde do xogo deixa o seu trompo no acostumo e os demais lle atacan; se algún non dálle polo menos un puyazo ou fai pállaras perde e deixa o seu en lugar do outro.
Como se ve, este xogo é sinxelísimo pero os bos xogadores acostuman complicalo para o converter en xogo de destreza.

O corro  (variante)
Trázanse dúas circunferencias concéntricas, unha de 0,5 m. ou menos, e a outra duns 3 m. de diámetro, adaptámolas ó espazo e ás habilidades dos participantes. Os xogadores tiran a discreción os seus trompos ao círculo de menor tamaño interior, tratando de que saian bailando ata o círculo maior ou fóra deste.
Perden e teñen que deixar o seu trompo dentro del os que fagan nobelos, os que non bailen  dentro do círculo menor ou os  que lle dean a outro trompo, pero o seu trompo non saia bailando fóra do círculo maior (ás veces estes últimos se deixan no sitio en que quedan ao morrer).
En canto hai algún trompo dentro os demais procuran quitalo fóra do círculo maior tirando os seus trompos ou peonzas segundo as condicións impostas. O mais frecuente é tirar ao queque e, se sae bailando a buxaina propia, apañala cantas veces se poda na man para seguir dando piques e mazadas; pero pódese impor unha sóa clase de puyazos.
Os trompos que fagan nobelos ou non saian bailando do círculo maior, e ás veces os que non dan puyazo ao ser chimpados, pasan castigados ao circuliño, e chámanse trompos mortos. Mentres haxa trompos mortos non se pode dar puyazo algún ós vivos. Ás veces permítese ó que perde por un trompo seguir xogando con outro, se o ten.

Quilas
Por parellas un xogador fai bailar o seu trompo, o outro recólleo e desprázase a un lugar preestablecido. Se torna co trompo aínda xirando gaña, polo contrario se se cae ou para, perde. Despois trócanse os postos.

As Postas
Para este xogo abonda con trazar un circunferencia duns 3 m. de diámetro. Designado a orde, cada xogador pon no centro do circulo unha moeda, un teixo ou outro obxecto co que se queira xogar.
Despois tira o primeiro o seu trompo e apaña para el cantas pezas consiga quitar do corro con toda clase de puyazos. As que non saian déixanse no sitio en que quedan sen movelas; e se algunha quedase tocando a raia non se considera fóra ata que outro xogador a quite por completo.
En canto morra o trompo do primeiro, tira o segundo e xoga do mesmo modo, e así os demais.
Quitadas todas as moedas faise nova partida e continúa tirando o que lle corresponda, aínda que en ocasións en cada partida desígnase novo orde para tirar.
Para maior interese, xóganse tamén  partidas de dous ou tres contra outros tantos, neste caso unhas veces tiran alternando un de cada equipo e outras, aínda que é menos frecuente, primeiro tiran todos os dun equipo e logo a continuación todo o equipo contrario; de calquera xeito, o que cada un quita é para todo o equipo.

Non hai Pousada
Trázase unha circunferencia duns 3 metros de diámetro e os xogadores divídense en dous bandos. Os do primeiro botan fóra do círculo os trompos do segundo ata que perdan e muden de posto.
Para iso, os do segundo equipo poñen os seus trompos no centro do corro; os do primeiro, xuntos ou separados, tiran os seus trompos unha sóa vez cada un e, valéndose de toda clase de puyazos procuran quitar os outros do corro.
Se conseguen quitalos todos, volve a repetirse o xogo cantas veces o fagan; pero se algunha vez queda algún trompo do bando contrario dentro entón poñen os seus, e os do outro bando xogan en igualdade de condicións.
Neste xogo non importa que algún equipo faga nobelos; o dono só perde cando perde o seu bando; pero na quenda en que o fai non pode voltar a tirar ata que lle corresponda na volta ou quenda seguinte.

Deixar un comentario

Historias de vida: as nosas avoas

Esta presentación é un resumo dos traballos realizados polo alumnado de 4º da ESO do curso 2008-09. Neles, atendendo a un guión proporcionado polo profesor debían recoller información sobre a vida das súas avoas ou, de non ser posible, doutras mulleres de idade similar. A partir da información conseguida nas entrevistas elaboraron unha presentación, na que o texto ía acompañado de material gráfico, a ser posible orixinal. Os temas xerais nos que se ordenou a presentación foron: a escola, o lecer, matrimonio e fillos, os traballos, a casa, a aldea, a vida e a política. Neste resumo usáronse fotos aportados polo alumnado, completadas con outras recollidas en anos anteriores, que forman parte do fondo fotográfico do Museo Escolar Ferro Couselo, e algunha baixada da rede.
A realización do traballo foi moi gratificante, tanto pola implicación do alumnado, como pola información recollida, máis interesante para axudarlles a comprender o pasado e os cambios no tempo, os da súa familia, pero tamén os da sociedade na que viven hoxe.

Deixar un comentario

Adiviñas e cabalos bravos

Clodio González Pérez- Galicia-Hoxe

Estes días pódense admirar no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, dúas exposicións escolares que ocupan todo o primeiro andar do claustro de San Domingos de Bonaval, obra do arquitecto Domingo de Andrade. Moi diferentes en contidos e presentación, pero unidas polo feito de seren as dúas traballos escolares galardoados pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas.adiviñas na fala viva

Os autores da primeira, a das adiviñas, son os nenos e as nenas do Colexio de Educación Infantil e Primaria A Cristina de Carballo. Non é tarefa doada pasar a palabra á imaxe, e máis cando se trata da representación plástica e sinxela de textos enigmáticos, verbo dos que cómpre cavilar -a veces dabondo- para chegar a descubrir o significado. Pero no caso desta exposición é doado, pois os visitantes descobren entre xogos e debuxos a importancia lúdica e pedagóxica das adiviñas, tan do gusto dos devanceiros, cando había que pasar o tempo (non matalo, como agora diante da televisión) á calor agarimosa dunhas achas de carballo.

Estamos na época da matanza do porco (Polo San Martiño, mata o teu porquiño, avisa o refraneiro), e por iso unha das adiviñas que antano non podía faltar estes días, logo de pendurar os chourizos no caínzo da lareira, era a seguinte, igual ou moi semellante a como a recollen os nenos e as nenas de Carballo: Pínguili pínguili estaba pingando/ e mínguili mínguili estaba mirando./ Se pínguili pínguili non pingara,/ mínguili mínguili non miraba. A resposta é os chourizos frescos que pingan e o gato que non deixa de mirar para eles, relambéndose de gusto polo que poida pasar.

Pero non todas as adiviñas deben ser antigas. O bo é cando a lingua segue creando, que está viva e anda co tempo e as innovacións, como ocorre con esta: Son doce coma un bombón/ duro coma o carbón,/ son parente do polvorón/ Que é? Un doce que agora non falta en ningunha mesa a noite de Nadal, pero non así antes en que era raro: o turrón.ceibes no monte

A segunda exposición, totalmente distinta á anterior, tanto no tocante á presentación como ao contido, débese aos alumnos e alumnas do Instituto de Gondomar, fermosa vila do sur da provincia de Pontevedra. Con ela non só se quere dar a coñecer como se desenvolve a cría dos cabalos bravos ou explotados en réxime de liberdade, senón darlle pulo, tendo en conta que os animais poden constituír unha achega económica para os veciños e que tamén limpan os montes, evitando os incendios forestais.

No concello de Gondomar celébrase o curro de Morgadáns, e no lindeiro de Oia, os de Mougás, Torroña e A Valga. Non se sabe dende cando hai aquí cabalos bravos, pero non falta quen xa identifica a súa doma nalgún petroglifo protohistórico, como nun da parroquia de Viladesuso (Oia). O espectáculo daquela debía ser semellante ao que se repite agora unha vez ao ano: xuntar os animais, metelos no curro, marcalos, cortarlles as crinas, etc. Unha loita simbólica de dominio entre o home e o animal, da que sae sempre vencedor o primeiro non pola forza, senón pola destreza.

Ademais destes, en Galicia teñen lugar curros de cabalos nas catro provincias, pero sobre todo na metade norte da de Lugo (Cordal de Neda, Os Toxosos, O Xistral, Os Buios, A Gañidoira…), na metade occidental da da Coruña (Touriñán, Muxía, Buxantes, A Barbanza, Vimianzo…) e na de Pontevedra, no norte (Sabucedo e Amil), nos lindeiros coa de Ourense (Serra do Faro e Suído) e no sur, os xa citados de Gondomar e Oia, xunto cos do Galiñeiro e Paradanta.

Parabéns para os nenos e nenas de Carballo e Gondomar, e tamén para o profesorado por espertar neles a inquedanza polas nosas adiviñas e por coñecer o mundo dos cabalos bravos.

Deixar un comentario

A petanca, por Hugo Picallo

HISTORIA
A Petanca é un deporte popular tipicamente provenzal que se practica na Arxentina, Uruguai, Francia e España, sobre todo na zona do Mediterráneo.
O xogo procede de Occitania, onde goza de gran aceptación e o seu nome procede da expresión “pés xuntos” en provenzal.
Existe unha federación que regula as competicións oficiais deste xogo, considerado xa como deporte.
Ó contrario do que a xente pensa, a petanca non é patrimonio exclusivo de xubilados senón tamén serve para tódalas idades, dándolle un novo aire lúdico-competitivo.
A petanca axuda na mellora do estado físico, a concentración, a forza, a coordinación óculo-man e a puntería, ademais de ser un deporte que non require de moito esforzo físico, posto que non cansa, é ameno e divertido.IMGP0008

¿COMO SE XOGA?
A Petanca é un deporte no que participan dous equipos, que poden estar formados por un, dous ou tres participantes e ser mixtos.
O obxectivo é lanzar as bolas de aspecto metálico para deixalas o mais preto posible do boliche de referencia. Pódese practicar en calquera terreo de xogo como pode ser na montaña, parque, praia… tendo en conta que o que non debe variar son as súas dimensión de 4 x 13m.
Cada equipo debe de lanzar as bolas e deixalas o máis preto posible do boliche ou darlle ás bolas do equipo contrario para afastalas do boliche. O punto de lanzamento é un círculo que se fai no chan dun diámetro aproximado de 50 cm.
As partidas xóganse a 13 puntos, exceptuando a final que se xoga a 15 puntos. Para saber que equipo comeza a tirando na partida pode facerse ó azar lanzando unha moeda e o que acerte comeza a partida; ou lánzase o boliche e cada equipo lanza unha bola, a que quede máis preto do boliche será a do equipo que comece a xogar.
As bolas oficiais son metálicas (con nenos é recomendable usalas de práctico)  e teñen un debuxo diferenciador das outras bolas, normalmente cada dúas bolas é un debuxo determinado. Teñen uns 7-8 cm de diámetro e o seu peso oscila entre os 650 e os 800 gramos.
O Boliche é unha bola pequena de 25 mm de diámetro, de madeira e é o punto de referencia

¿QUE É A “FANNY”?
A Fanny é unha figura mítica neste deporte, esta era unha señora moi amable, boa, cariñosa que consolaba ós xogadores que nas partidas non conseguían ningún tanto (13-0).
Hoxe en día en Francia, ós que perden 13-0 fanlle bicar a fotografía do cu dunha señora.

Deixar un comentario

Older Posts »