Adiviñas e cabalos bravos

Clodio González Pérez- Galicia-Hoxe

Estes días pódense admirar no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, dúas exposicións escolares que ocupan todo o primeiro andar do claustro de San Domingos de Bonaval, obra do arquitecto Domingo de Andrade. Moi diferentes en contidos e presentación, pero unidas polo feito de seren as dúas traballos escolares galardoados pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas.adiviñas na fala viva

Os autores da primeira, a das adiviñas, son os nenos e as nenas do Colexio de Educación Infantil e Primaria A Cristina de Carballo. Non é tarefa doada pasar a palabra á imaxe, e máis cando se trata da representación plástica e sinxela de textos enigmáticos, verbo dos que cómpre cavilar -a veces dabondo- para chegar a descubrir o significado. Pero no caso desta exposición é doado, pois os visitantes descobren entre xogos e debuxos a importancia lúdica e pedagóxica das adiviñas, tan do gusto dos devanceiros, cando había que pasar o tempo (non matalo, como agora diante da televisión) á calor agarimosa dunhas achas de carballo.

Estamos na época da matanza do porco (Polo San Martiño, mata o teu porquiño, avisa o refraneiro), e por iso unha das adiviñas que antano non podía faltar estes días, logo de pendurar os chourizos no caínzo da lareira, era a seguinte, igual ou moi semellante a como a recollen os nenos e as nenas de Carballo: Pínguili pínguili estaba pingando/ e mínguili mínguili estaba mirando./ Se pínguili pínguili non pingara,/ mínguili mínguili non miraba. A resposta é os chourizos frescos que pingan e o gato que non deixa de mirar para eles, relambéndose de gusto polo que poida pasar.

Pero non todas as adiviñas deben ser antigas. O bo é cando a lingua segue creando, que está viva e anda co tempo e as innovacións, como ocorre con esta: Son doce coma un bombón/ duro coma o carbón,/ son parente do polvorón/ Que é? Un doce que agora non falta en ningunha mesa a noite de Nadal, pero non así antes en que era raro: o turrón.ceibes no monte

A segunda exposición, totalmente distinta á anterior, tanto no tocante á presentación como ao contido, débese aos alumnos e alumnas do Instituto de Gondomar, fermosa vila do sur da provincia de Pontevedra. Con ela non só se quere dar a coñecer como se desenvolve a cría dos cabalos bravos ou explotados en réxime de liberdade, senón darlle pulo, tendo en conta que os animais poden constituír unha achega económica para os veciños e que tamén limpan os montes, evitando os incendios forestais.

No concello de Gondomar celébrase o curro de Morgadáns, e no lindeiro de Oia, os de Mougás, Torroña e A Valga. Non se sabe dende cando hai aquí cabalos bravos, pero non falta quen xa identifica a súa doma nalgún petroglifo protohistórico, como nun da parroquia de Viladesuso (Oia). O espectáculo daquela debía ser semellante ao que se repite agora unha vez ao ano: xuntar os animais, metelos no curro, marcalos, cortarlles as crinas, etc. Unha loita simbólica de dominio entre o home e o animal, da que sae sempre vencedor o primeiro non pola forza, senón pola destreza.

Ademais destes, en Galicia teñen lugar curros de cabalos nas catro provincias, pero sobre todo na metade norte da de Lugo (Cordal de Neda, Os Toxosos, O Xistral, Os Buios, A Gañidoira…), na metade occidental da da Coruña (Touriñán, Muxía, Buxantes, A Barbanza, Vimianzo…) e na de Pontevedra, no norte (Sabucedo e Amil), nos lindeiros coa de Ourense (Serra do Faro e Suído) e no sur, os xa citados de Gondomar e Oia, xunto cos do Galiñeiro e Paradanta.

Parabéns para os nenos e nenas de Carballo e Gondomar, e tamén para o profesorado por espertar neles a inquedanza polas nosas adiviñas e por coñecer o mundo dos cabalos bravos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: