Salvemos os pombais

O rodicio do tempo

CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ, Galicia Hoxe- 28-11-09

Ao longo dos anos 1975 e 1976 percorrín Galicia enteira localizando pombais, co gallo de redactar un estudo verbo destas construcións que se basease na documentación e no traballo de campo. Investiguei o estado de conservación, se tiñan ou non pombas, a forma da planta… Polo que atinxe á última case non facía falta, pois con coñecer os dunha comarca case abonda para deducir que predominan os circulares. A conclusión foi a seguinte: o 72,60% son de planta circular, o 14% cuadrangular, o 4% octogonal e o resto, o 9,40%, varía, dende os monumentais de Samos e Vilanova de Lourenzá, ata o fermoso de Guillar (Outeiro de Rei), construído por un adolescente, segundo conta, agora na beirarrúa da estrada xeral da Coruña a Lugo.

Revisei e fotografei máis de 300 exemplares das catro provincias: 75 da Coruña, 42 de Lugo, 72 de Ourense e 111 de Pontevedra; dos que dende entón levan desaparecido varios, sen que ninguén se opuxese á súa destrución. En 1982 saía do prelo un resumo do devandito traballo (Os pombais galegos, Cuadernos de Estudios Gallegos, núm. 98), o primeiro monográfico dedicado a esta construción e, polo de agora, coido que tamén o último.

A posesión do pombal era un dereito señorial, exclusivo de aristócratas e eclesiásticos, de aí que se ergan de par dos pazos e das casas reitorais. A democratización non tería lugar ata o século XIX, ao seren abolidos definitivamente os dereitos señoriais que gozaban dende antigo estas clases sociais, sobre augas, montes, fontes, etc. Por iso na revolución francesa foi un dos edificios que máis destruíron os sublevados, a semellanza dos nosos devanceiros os irmandiños que escagallaron as torres, por teren que aturar dende sempre os danos debidos ás pombas ao longo do ano e, principalmente, na temporada das sementeiras. O 11 de agosto de 1789 decretábase que “le droit exclusif des colombiers est aboli”. Malia esta desfeita, en Francia quedan senlleiros exemplares por antigüidade e valor arquitectónico, sobre todo en Normandía e Aquitania.

Centrándonos na nosa Terra, sábese que na Idade Media xa había pombais, e, quizais, coa parte inferior dedicada a galiñeiro. Así debía ser o que lle aforou no mes de xuño de 1332 o mosteiro de San Pedro de Rocas a María López, sito en Vilar de Ordelles (Esgos, Ourense): “et ainda vos y damos o poombar que esta na cortiña de Domingo Ans do Paaço, e darnos edes del cada ano por San Martiño hun capom”.

En Francia existen rotas dos pombais que aquí tamén se poderían facer, tendo en conta os exemplares máis singulares, entre os que non faltan algúns que pola súa monumentalidade a inmensa maioría dos visitantes descoñece a función de tal construción, como ocorre cos dos mosteiros de Samos e Lourenzá. Non faltan tampouco outros que á vez son hórreos e habitáculos para as pombas, como un de Vilariño (Pereiro de Aguiar) e outro da Viña (Cea), ambos os dous en lamentable estado de conservación a última vez que os vin. A cría de pombas pasa por unha época mala, debido principalmente ao abandono do campo. Na miña nenez todos deveciamos por ter un pombal que, na inmensa maioría, era un caixón pendurado ao agarimo do beirado do hórreo ou doutra construción. Alí criaban dúas ou tres parellas de pombas, e botabamos pestes contra dos “pombos ladróns” que sabían engaiolar as pombas veciñas, rematando as máis delas no seu pombal. A ganancia era pequena, pero saborosa: un pombiño ao ano.

Remato cunha súplica: que as diferentes administracións non permitan a destrución dos pombais, por formar parte consubstancial do noso patrimonio relacionado cos pazos, as casas reitorais e as casas grandes. Sen eles, estes conxuntos arquitectónicos quedan mutilados para sempre.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: