Archive for Xaneiro, 2010

A Patela e o Pazo, por Sámer Abdulkader Sande (3ºA)

Continuando co traballo feito pola alumnado de 3º da ESO durante o curso pasado, na primeira avaliación seguimos percorrendo as distintas aldeas de Cuntis, intentando completar o mapa dos lugares do Concello a través dos propios ollos dos que ocupan eses espazos, os alumnos e alumnas. Podedes consultar a proposta e as presentacións realizadas o pasado curso, que se presentaron ao concurso Xentes, Espazos e Lugares convocado polo Xornal e o Proxecto Terra.

Advertisement

Comments (4)

“Ao pé do lar”, memorias de cociña

Unha completa exposición homenaxea a gastronomía do país. Á beira, as iniciativas “Pratos con memoria” e “Noites contadas”, recreando a maxia dos antigos relatos ao carón da lareira.
Vieiros – 31/01/2010
Imaxes, sons, cheiros e, por suposto, sabores. Velaí o abano de sensacións cos que a exposición Ao pé do lar, memorias de cociña, nos convida a percorrer dous mil anos de historia gastronómica. A cita será no Museo do Pobo Galego desde o vindeiro venres 5 de febreiro e até o próximo 7 de marzo.
A través de fotografías de gran formato, recreacións 3D, infografías, paneis interactivos e audiovisuais levarán, os visitantes poden seguir a evolución histórica da gastronomía galega, desde a Idade do Ferro até a modernidade. Un percorrido histórico que toma como referencia a cociña como espazo doméstico de elaboración de alimentos e como un lugar central da cultura galega e vai debullando as achegas culinarias e alimentarias de cada época.
Pratos con memoria e Noites Contadas
As cociñeiras Erundina Vázquez (Restaurante Ateneo de Piñor) e Inés Abril (Restaurante Maruja Limón, Vigo), baixo a coordinación do xornalista Miguel Vila recrearon para Ao pé do lar receitas de diferentes épocas que se poden consultar e recoller na exposición e que os visitantes poderán coleccionar nunha carpeta que se entrega ao inicio da mostra. Pratos como as papas pegas, a costrada, os bertóns recheos, o capón con ostras ou a tortilla ao ron percorren máis de dous mil anos de gastronomía galega en sabores. A maiores, durante o tempo que dura a exposición sete restaurantes composteláns ofrecerán os pratos recuperados para a ocasión: os restaurantes Abastos 2.0, Acio, Calderón, Garum, El Mercadito, o De Profundis – Hotel Monumento San Francisco e Pedro Roca.
Outra orixinal proposta de divulgación será o programa Noites Contadas. Unha serie de espectáculos nocturnos de narrativa oral ao redor dunha lareira recreada especificamente para as representacións, cando pechan as portas do Museo. Paula Carballeira (10 de febreiro), Quico Cadaval (11 de febreiro), Avelino González (18 de febreiro), Cándido Pazó (25 de febreiro), serán os encargados de recrear para os asistentes o ambiente e as temáticas das historias contadas ao redor do lume. E doutra banda, o mércores 17 de febreiro, o evento Marcelo Tejedor: comer a vida, no que o chef galego máis recoñecido internacionalmente narrará a partir da súa biografía as grandes transformacións da alimentación e da gastronomía en Galiza nas últimas tres décadas, acompañado dunha mostra fotográfica e da ambientación do DJ Javier Rial.
A exposición está comisariada polo xornalista e profesor da USC Manuel Gago. O equipo de expertos intégrano entre outros o historiador Xavier Castro, encargado dos contidos da exposición e Soledad Felloza na coordinación de produción, fotografía e didáctica.

Máis información no espazo web Ao pé do lar

Deixar un comentario

OS ZANCOS, por Hugo Picallo

A orixe dos zancos é incerta aínda que se sabe que ven de longo e se inventaron por diversos motivos e circunstancias. Ter unhas pernas largas resultaba vantaxoso para algunhas cousas como por exemplo para medio de transporte, sobre todo en zonas como Malaisia e Xapón para ir de aldea en aldea cando había neve.
Tamén se usaban como medio de traballo, posto que en Inglaterra por exemplo  eran empregados para recoller a froita das árbores e en Francia para vixiar o gando dende lonxe.
Como medio de entretemento eran empregados en danzas rituais, xogos e deportes de competición en África, a India, Extremo Oriente, a Polinesia e América.
Estes usos co paso dos anos fóronse perdendo e ata uns 200 anos os zancudos reapareceron principalmente nos circos e teatros.


Antigamente os zancos non eran elaborados como na actualidade, antano íase polo monte en busca dunha árbore (carballo, castaño, salgueiro…) que tivese unhas ponlas o mais rectas posibles e que saíse desta unha pequena ponla que logo se lle cortaría deixando un pequeno anaco que serviría para por os pés e poder andar riba del.
Co tempo os zancos podíanse facer cuns paus que podían ser de madeira, ferro, plástico ou inclusive os mais pequenos feitos con latas e  cunha corda, estes colocados nos pés permítennos camiñar a unha determinada altura do chan.

Deixar un comentario

Xantares galegos na historia (III)

Xavier Castro- Galicia Hoxe

Vexamos cal era o réxime diario de alimentación da maioría da poboación. No verán, a familia erguíase cedo e almorzaba ás oito ou antes. No inverno, non había que madrugar tanto. Os homes tomaban a parva: unha copa de caña cunha codia de millo. As mulleres unha cunca de auga fervida con unto, ou ben caldo, unhas patacas cocidas con leite ou ben papas de millo. Os homes, paraban polo mañá para tomaren as once (que no verán anticipábase polo menos unha hora): broa con touciño ou ben cunha cebola. Se cadra, acompañado tamén cunha fecha de viño ou de caña. Guiábanse polo son das campás para saberen cando tiñan que volver para a casa xantar, a non ser que se encontraran traballando nunha leira afastada ou ben no monte. Deste xeito, ás doce ou ao máis tardar á unha, cada quen, segundo chegaba á cociña, saudaba os demais cun “que aproveite”, servíase unha cunca de caldo do pote e sentaba onde lle cadraba, aínda que respectando os postos xerárquicos establecidos. Caso de sentar á mesa, o petrucio presidía a cabeceira. O menú adoitaba consistir en caldo, pan, viño -se o había-, e algún compango de patacas e porco. Arredor das 5 merendaban e entre as 9 e as 10 da noite ceaban: pan de centeo ou millo e de novo caldo. Se cadra, por riba, manducaban unha peza de froita, pero non eran moi dados. Non sendo os nenos, claro.

No século XIX difúndense a augardente e tamén o risolio, licor composto de augardente mesturado con azucre, canela, anís e outros ingredentes olorosos. Bebida moi frecuente nas romaxes e festas aldeás nas que as rosquilleiras o vendían por copas. Agora ben, no século precedente os notables tomaban xa copas de risolio; polo tanto, era tamén unha bebida distinguida.

A burguesía foi pioneira na introdución da cociña de ferro. Logo pasou a empregar a cociña de butano que posuía notables vantaxes no que se refire a eficacia, limpeza e comodidade: a vivenda urbana dispuña de varios andares e como queira que a introdución do montacargas -que complementaba o ascensor- foi bastante serodia, resultaba moi incómodo facer subir polas escaleiras os sacos de carbón coas piñas ou o carbón. A ama de casa non sempre cociñaba pero cando menos supervisaba o labor da cociñeira e das criadas que tiñan á súa disposición un amplo e variado repertorio de instrumentos necesarios para a realización das receitas, complexas e variadas, propias dunha culinaria refinada. Dispuña dalgún libro de cociña ou, máis comunmente, dunha libreta de receitas que as fillas herdaban das nais. A gastronomía burguesa compúñase de pratos característicos da cociña galega popular pero en versión cara (xamón, caldo con carne, peixes e mariscos prohibitivos para outros sectores sociais, pastas, legumes, verduras e froitas variadas); recorría tamén á gastronía doutras zonas de España e mesmo á francesa. A sociabilidade caracterizábase por unha maior formalidade e puntualidade: o servizo dispuña a mesa no comedor, ben provista de manteis e panos de mesa, unha boa cubertería e cristalería fina. Fronte á espontaneidade e relativo indiferentismo popular, a burguesía observaba un protocolo moi ordenado no servizo de mesa, que era moi abondoso.

Deixar un comentario

Os oficios tradicionais reviven na internet

A Rede de Dinamización en Xunqueira de Ambía, Boborás e Moaña elabora vídeos sobre usos laborais do rural en perigo de extinción.
Vieiros – 09:30 07/01/2010

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información segue a ofrecer nos seus centros actividades co obxectivo de recuperar e preservar a memoria. Unha desas experiencias é Memoria dos Oficios, que se desenvolve nos centros de Xunqueira de Ambía, Boborás e Moaña. A rede está a incorporar novos vídeos, que serven de xeito de almacenamento e divulgación para preservar usos laborais do rural que semellan esmorecer fronte aos usos urbanos.

Os vídeos son elaborados grazas ás lembranzas directas dos vellos ou doutros colectivos interesados na recuperación da memoria. Consisten en documentos audiovisuais en formato de videomontaxe. Ademais, tratan de aproveitar ese compromiso etnográfico para achegar internet ás franxas de idade con máis risco de exclusión dixital, ao tempo que se xeran contidos na nosa lingua.

En Xunqueira de Ambía trátanse temas como a minaría, o traballo da muller ou a motoniveladora, mentres que a esfolla, a gandaría, a matanza ou a vendima son os vídeos achegados por Boborás. En Moaña, as atadeiras, a carpintaría de ribeira ou os estaleiros son os oficios lembrados. Nos tres casos, as pezas complétanse cun vídeo onde se amosa todo o proceso de elaboración.

Deixar un comentario