Grazas á amabilidade de Jesús Carballo, o alumno nº 21, contamos no Museo cunha copia do seu caderno escolar do ano 1954. En concreto, o caderno comeza no mes de marzo de 1954 e remata o 28 de setembro de 1954. A derradeira anotación do curso 1953-1954 data do 10 de xullo, comezando o novo curso o 22 de setembro de 1954. Neste fermoso caderno á primeira vista destaca a presentación, cunha letra perfecta e uns debuxos entrañables.
O contido dos cadernos, como corresponde á época, son moi variados. Non hai unha división por materias, senón que os exercicios, todos encabezados pola data e o título e asinados polo alumno, se suceden de forma continúa. Entre eles destacan os ditados e os exercicios gramaticais, os problemas matemáticos, as descricións de elementos da natureza, as redaccións e copia de poemas, a Historia, a Xeografía, a Relixión e a Formación do Espírito Nacional.
Como curiosidade podemos citar o emprego do galego nun poema titulado ‘Galicia’: “Un carballo nun outeiro /un-as pedras; un cruceiro // Platea a lua un sendeiro,/ donde un carro cantadeiro,/ vai camiñando, cargado / con toxo, baixo o luar // Muxen as vacas cansadas; / canta un vello un alalá; /sona lonxe un aturuxo, /grito nostálgico e bruxo /da céltiga hispanidá. // Silva na irexa a curuxa /pasa un-a vella rezando / e o río vai camiñando /entraquesta terra bruxa /qua de levalo a pasiños, /entre a queixume dos pinos, /a profundidá d’o mar. // E o carro sigue cantando: // a vella sigue rezando, /e os mozos aturuxando / mentras os grilos rechinan / nos campos, baixo o luar.
A finalidade da escola franquista apreciámolo no comezo do curso 1954-1955:
“Hoy ha comenzado en Curso Escolar en la Escuela Nueva. Es un local bastante grande y antes de entrar lo vino bendicir el Sr Cura . (…)
El trabajo vá a ser más duro, pero así será más provechoso, y podremos servir mejos a Nuestra Patria y ganar el cielo después de la muerte”.
Deixar unha resposta