As últimas algueiras de Loiba

Dez mulleres dunha familia recollen algas vermellas entre as rocas dos cantís

LORENA BUSTABAD – El País – 23/09/2009

Son as últimas herdeiras dun oficio xurdido da necesidade e alimentado polo mar á sombra dos cantiis de Loiba. Cada verán, miran o calendario marcando as lúas cheas e novas e esperan pacientemente ás mareas lunares -dúas veces máis grandes que as solares por posición dos corpos celestes- para arrincar as algas avermelladas (rodofíceas) de entre as rocas de Pena Furada durante a marea baixa.

Din que son algueiras toda a vida, aínda que, como moito, poden traballar catro ou cinco días do mes de xuño a outubro na franxa intermareal con permiso do mar e dos ventos. Na costa de Ortigueira só quedan dez. Todas mulleres. Roldan o medio século ou o superan e todas están emparentadas nunha mesma familia enraizada na parroquia ortegana de Loiba. A María, de 82 anos, aínda lle leva a vida baixar ao areal de Ribeira do Carro para recoller algas xunto á súa filla Carmen Gómez, de 60, e chancea dicindo que o seu corpo xa non a deixa. “Hai que estar máis lixeira”, ri. Conta que empezou de nena a rebuscar entre a area coa raña para gañarse o pan. Durante décadas colleu ourizos, berberechos e algas que lle pagaban a “tres e a cinco pesetas”. Lembra que as había “espesas”, e culpa ao Prestige de “cambiarlles o mar”. “En 2002 non tivemos algas, estaban todas contaminadas”, apunta a súa filla. Herdou o oficio con 14 anos e lembra tempos mellores. “Hai 20 anos eramos moitas máis. Había algas para todos. Crecían como céspede” di.

A Xunta regulou o marisqueo e prohibiulles colleitar algas o fin de semana. A miúdo perden as mareas boas que caen en sábado ou domingo. Comparten os cantís cos percebeiros e os polbeiros nuns tramos máis agrestes e salvaxes da costa, aos pés de Estaca de Bares, repleto de formacións rochosas retortas e caprichosas que comparan con As Catedrais de Ribadeo. Conta Carmen que entre as algueiras tamén houbo algún home, pero que foron desistindo dun traballo manual que require paciencia. Explica que as algas vermellas de Loiba, chamadas gigartinas, son puras, de augas batidas e cristalinas, e cotízanse a uns 50 céntimos o quilo, aínda que o produto xa transformado multiplica o seu prezo por 100, segundo fontes do sector.

Nun día bo, co mar calmo, cada algueira pode recoller entre 150 e 200 quilos. Entre todas, unha tonelada. Madrugan para encher os sacos que arrastran pola area e cargan catro sobre Pardo, un dos catro burricáns que baixan á praia, os únicos animais capaces de subir  esa carga por un carreiro rochoso e accidentado. A uns 500 metros do areal, e a case cen sobre o nivel do mar, espera Antonio co tractor. Recoñecen que “non é fácil” sacar as gigartinas da praia. A forma de facelo non cambiou no últimos cincuenta anos e a motivación é a mesma de entón: unha fonte de ingresos extra para contrarrestar o desemprego da comarca sacando partido á súa riqueza natural.

As algueiras de Loiba adoitaban secar as algas ao sol antes de vendelas. Agora, almacénanse en casa de Carmen e María, onde as recolle un camión de Ceamsa (Compañía Española de Algas Mariñas) radicada no Porriño desde 1967. “A miña nai xa recollía algas para o antigo dono”, apunta. Das algas de Loiba extráese comestible –carragenato– moi empregado como espesante na alimentación, que se comercializa como E-407 ou E-410. Desde Ceamsa, a única empresa galega que importa algas de todo o mundo, explican que as gigartinas transfórmanse nunha especie de xel “emulxente, xelificante ou estabilizante presente en marmelos, produtos lácteos e cárnicos ou na comida para cans e gatos”. Das algas tamén se extraen os alginatos, E-401, E-402 ou E-403, entre outros, onmipresentes en iogures, batidos e natiñas. Estes químicos de orixe vexetal son a base de moitos cosméticos e cremas adelgazantes, pastas de dentes e moldes para dentaduras, entre outras aplicacións nas industrias farmacéutica, téxtil e bioquímica.

Cargados de vitaminas e minerais, os froitos do horto mariño atlántico tan exquisitos para os asiáticos, están en alza como ingrediente exótico da alta cociña occidental. “Non hai nin un só sitio en toda a Península coa riqueza natural e a forma de traballar de Loiba,” explica Dores Rubido, responsable de Roteiros, “todo sigue como hai 200 anos”. Cada verán, esta empresa de turismo especializado en natureza e patrimonio descobre aos máis ousados a Ruta das Algas de Ortigueira. Onte, as algueiras baixaron ás praias de Loiba por última vez. Din que quizá con moita sorte e un pouco de tempo tolo poderán baixar coa lúa chea de outubro.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: