Antón Cortizas: “A escola debe recuperar o patrimonio do xogo tradicional”

O brinquedo foi a escola da natureza, do aire libre, da comunicación e da identidade do grupo ó que pertencemos. Unha enorme riqueza cultural adurmiñada que Antón Cortizas esperta como vehículo de ensino          
M.J.CEBRO . SANTIAGO
Antón Cortizas, docente e escritor leva anos, ou toda a súa vida, indagando sobre o xogo tradicional galego e levándoo á súa práctica docente cos nenos. Hoxe no marco do Congreso de Materiais e Recursos Didácticos Innovadores que oraganiza Nova Escola Galega, co Concello de Santiago e a USC, exporá a tipoloxía do brinquedo tradicional e como se pode sacar proveito didáctico deste patrimonio.
Como se leva á aula a riqueza do xogo tradicional?
Todos e cada un deles encerra unha riquísima cultura lúdica que se está perdendo e cómpre recuperar a través da escola. Sempre que podo tento meter os aspectos lúdicos nas aulas, porque amais de ser cultura, motiva moitísimo. No meu caso, que dou Ciencias da Natureza a nenos de 1º e 2º da ESO, as posibilidades son inmensas. Unha simple saída ós arredores para ver a vexetación podería servir para ver que especies das que están ó noso arredor teñen finalidade lúdica. Pódense facer chifres, brincos, asubíos, colares, xoguetes para outtos xogos regrados… as posibilidades son inmensas. Pode aplicarse calquera xoguete, o curso pasado fixemos unha actividade que consistía nunha serie de experiencias coa auga, a través duns traballos prácticos realizados entre as materias de Ciencias de Natureza e Tecnoloxía. Tratábase de trebellos que funcionaban con auga. Un deles é un enredo lúdico, un xoguete que se fai con canas e auga, que asubía e imita o canto do merlo, é un exemplo. A consecución dese enredo supón buscar os materiais, traballar a lingua, as descricións, coñecer especies botánicas, traballar a habelencia manual e a psicomotricidade fina, utilización de ferramentas… un abano moi grande.
Na época das tecnoloxías da información e da comunicación, os rapaces descoñecen esta tradición.
Está moi perdida, mesmo entre os nenos que veñen das aldeas, porque entre outras cousas, poucos nenos hai no rural e non hai posibilidade de transmisión. Pero é moi grato comprobar que aínda aparecen pola aula enredos cos que se xogou sempre, e mesmo lle temos que chamar a atención, por lanzar avións de papel, facer asubíos coas mans ou facer tirabalas de papel. Aínda hai cousas que están vivas. Pero a cantidade está moi minguada. E unha misión que ten a escola é a de transmisión deste extraordinario patrimonio lúdico.
Responden os rapaces a estes contidos?
Falta o que antes era normal, o afán de xogar, de enredar e de construír parte do rapaz. Hoxe hai que empurralos, porque falta a transmisión e polo tanto non saben que se pode xogar cunha corda, un pau ou unha goma.
Calquera materia se pode aproveitar destes recursos?
O ensino pode recorrer a esta sabedoría sempre. É máis, un dos mandatos da Unión Europea é traballar por competencias básicas e iso quere dicir desenvolver as habilidades que o individuo debe densenvolver para poder desenvolverse na vida. Con calquera disciplina e calquera enredo pódese traballar iso. Cando ensinas ciencias naturais tamén estás ensinando lingua e se temos que tomar medidas utilizamos matemáticas, é unha globalidade, que tamén é o que suxire as competencias, no sentido de traballar desde distintos eidos da aprendizaxe. O brinquedo foi unha escola, a escola da natureza e do aire libre, a escola da tradición e da comunicación era unha forma de endoculturación, de absorber a forma de vida e de ser do grupo ó que se pertence e de aproveitamento do contorno. Xa que logo, a construción e uso do xogo tradicional son válidos para calquera materia, nivel e tipos de nenos. A escola ten que ser o máis lúdica posible, porque iso é cultura.
Como é o proceso de documentación sobre este patrimonio ?
Teño un libro publicado en Xerais, Chirlosmirlos. Enciclopedia do xogo popular, e agora traballo en Tastarabás, que sairá o ano que vén e é un catálogo do brinquedo tradicional e uso lúdido da natureza, no que se recollen case mil enredos realizados con materias que temos ó noso redor e materiais de reciclado. A documentación vén da miña propia experiencia de cativo, os recordos dos meus amigos e compañeiros de profesión que me axudaron a pescudar por distintas zonas de Galicia e polas que eu mesmo preguntei. E tamén hai moita información bibliográfica sobre xogos e enredos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: