Parece que o tempo non pasou por Santa María de Zobra, no concello de Lalín. Película documental de 1981 rodada nesta parroquia da Serra do Candán arredor dos labores de cultivo, a elaboración do liño e o rico folklore que perdura nun dos últimos redutos que se conservan en Galicia e que levan camiño de perderse. Dirixiuna Daniel González Alén.
Archive for Decembro, 2010
Fiadeiras de Zobra
O museo do xoguete de Allariz, un recanto para evocar a infancia
Unha caixa de cartón chea de xoguetes foi o xerme do que hoxe é o Museo do Xoguete de Galicia, con sé en Allariz. Conseguiu dende a súa fundación en 1995 converterse nun dos conxuntos museísticos máis visitados de Galicia ao conseguir no 2009, 12.000 visitantes. O benfeitor non foi outro que Alberto Oro Claro, veciño da vila, que gardaba numerosos aparellos cos que el mesmo e outros nenos xogaban hai tempo. A doazón serviu de escusa e unha achega particular empezou a chamar a outras que contribuíron a encher a planta baixa da Casa da Cultura, situada na céntrica rúa Portela. A día de hoxe, e segundo desvelan os técnicos do concello, as entregas á institución superan con creces a expectativas creadas. Carmen, unha das responsables, asegurou a Xornal: “O museo naceu para unhas 800 pezas e agora xa hai 1.400 e seguimos recibindo de moitos particulares”.
As visitas son constantes e a curiosidade esperta tanto en maiores, como en pequenos e pequenas, porque “aos que teñen máis idade recórdalle a súa infancia e para os nenos non deixan de ser instrumentos para pasar o tempo e divertirse”. Os máis interesados nas reliquias teñen a posibilidade ver un futbolín inglés feminino do 1917, doado por un anticuario, e tamén unha boneca de nome Merceditas, que data do 1910. Dende a institución afírmase que “estas pezas son as xoias que temos pero hai moitas máis”. A maioría están feitos con folla de lata, cartón e madeira e todos están ben protexidos en vitrinas repartidas polas distintas salas. Os que por costume teñen, cando van a un museo, experimentar co sentido do tacto, neste caso non poden porque todo esta fechado para salvagardar a integridade das coleccións.
Si se fai un percorrido pódese notar a evolución que sufriron os aparellos cos que os nenos e as nenas de antes se divertían. Hai unha importante colección de bonecas, perfectamente vestidas, co seu armario para gardar a roupas coas que se poden cambiar. Foi unha muller ourensá a que fixo entrega do equipamento destas bebés. Os roles sexistas tamén están presentes porque para os pequenos de antes os creativos só deseñaban coches, camións, palas, escavadoras e incluso o famoso Scalextric… Tamén hai xogos de mesa, peóns feitos de madeira, cartas e material didáctico empregado en tempos xa pretéritos nas escolas.
Os equipos técnicos do museo tamén pensaron nunha zona para que se poda xogar e probar a practicar cos xogos de enxeño: unhas cordas, coa que se entretiñan principalmente as rapazas, están a disposición dos e das visitantes para que fagan figuras xeométricas, outra posibilidade e o foco de sombras chinesas coas que se pode intentar facer un lobo con orellas ou un coello.
Non obstante, máis que xogar, o que o público quere é evocar a súa infancia cun “este tíveno eu”. Ocórrelles, por exemplo, os que cumpren 30 que recordan o Super Cine Exin coas aventuras de Peter Pan No País do Nunca Xamais ou as nais que confesan aos seus fillos: “Mira, esas bonecas pintadas a man, tamén as había na casa”.
A sona traspasou os lindes do concello de Allariz e son numerosos os colexios e institutos que piden á dirección unha mostra do que se atesoura na Casa da Cultura. As demandas son satisfeitas e dúas caixas cargadas con instrumentos de xogo trasládanse aos centros que o piden para que o alumnado poida gozar do que agora é parte de unha colección e non fai tantos anos só material común de xogo.