O noso aceite, por Clodio González Pérez

O Rodicio do tempo

Cada vez que paso polo Miño por Tui, sempre me chama a atención (e como a min, aos demais se están ao tanto da nosa flora), a presenza de vizosas oliveiras entre os demais cultivos, unhas nos arrós e outras mesturadas con outras árbores froiteiras. No norte de Portugal, na mesma estrema con Galicia, as oliveiras medran e dan olivas, mentres que desapareceron desta banda do río, cando na idade Media eran igual de abundantes, testemuñadas documentalmente e pola toponimia: así, por exemplo, do bispo de Tui dependía da Cámara das Oliveiras, formada polas tres parroquias de San Mateu, Santiago e San Lourenzo de Oliveira, pertencentes agora ao concello de Ponteareas.

Chama a atención actualmente a ausencia destas árbores en terras axeitadas para o seu cultivo como as do Ribeiro, nas que en tempos pasados medraron entre as viñas, así como tamén o facían nas partes agarimadas dos montes os soutos de castiñeiros. De ambos os dous case non queda rastro, agás na toponimia, pois ademais de que unha das antigas parroquias de Ribadavia se titulase ata o ano 1903 Santa María da Oliveira, tampouco faltan nomes de lugares testemuñando este cultivo, como Olivar, nos concellos de Cenlle e Toén.

A oliveira que campa no brasón da cidade de Vigo, neta da que medrou en tempos pasados dende non se sabe cando no adro da igrexa de Santa María (agora concatedral), igual que case todas cantas hai de par dos templos, endexamais deu froito, é brava, e o único produto son as poliñas que se lle cortan para bendicir o Domingo de Ramos, xunto coas do loureiro, trocadas nas últimas décadas por palmas importadas doutras terras. A oliveira é a nosa árbore funeraria e non o alcipreste mediterráneo.

Descoñécese a data da chegada aquí das primeiras oliveiras, orixinarias segundo parece de Asia Menor, pero igual foron traídas -ou estendido o seu cultivo de xa habelas antes- polos romanos, o mesmo que fixeron coas vides. No Museo municipal de Castrelos de Vigo pódese ver unha mola olearia (muíño de aceite) descuberta no lugar da Oliveira da parroquia de Teis, testemuño arqueolóxico de que o nome lle vén do cultivo destas árbores dende antigo, cando menos dende a romanización.

Lembro hoxe este froito case esquecido polo extraordinario traballo de Aníbal Cid Babarro, A oliveira e os muíños de aceite, galardoado co primeiro premio de investigación etnográfica da VIII Romaría Etnográfica Raigame da Deputación Provincial de Ourense.

Dende hai algúns anos téntase recuperar a produción de aceite, que agora se cingue case exclusivamente ao consumo doméstico, e non como antano que se vendía, constituíndo unha achega económica para o agricultor, que agora pode resultar máis substanciosa se se pensa no aceite ecolóxico elaborado de xeito tradicional, conservando intactos o sabor e as súas propiedades. Este é o obxectivo da Mostra do aceite de Quiroga, que ten lugar dende xa hai varios anos no muíño de Bendilló, os últimos días de febreiro.

Hoxe en día as zonas produtoras de aceite (ou que hai oliveiras, aínda que non se apañe o froito) cínguense case exclusivamente aos concellos de Quiroga e Larouco; pero antes tamén era importante noutros, como no de Vilardevós, onde se pode visitar o Museo da Oliveira, con todos os apeiros e trebellos para a obtención tradicional do aceite. A colleita das olivas é a partir do Nadal, pero depende do ano, por iso agora pouco falta para que empece.

Faláronme non hai moito dun restaurante que emprega aceite galego en pratos especiais, moito máis caro que o andaluz dada a súa escaseza, pero que se compensa coa calidade e coa diferenza, e non só por ser mellor ou peor, senón por ser distinto e tamén noso.

Será rendible plantar oliveiras nas terras en que as houbo antes e agora fican ermas e despoboadas?

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: