No noso Museo contamos con distintos utensilios usados para alumear antes da electricidade, antes de que ‘chegara a luz’. Esta é unha breve descrición das súas características e funcionamento.
O candil utilizábase para alumear partes da casa. Coñécense candís do s. X a. C. Poñíase un pouco de aceite nun recipiente e unha mecha á que se lle prendía lume. Daba menos luz co quinqué de petróleo ou o carburo, que apareceron máis tarde, pero era moi común o seu uso en todos os fogares.
O Quinqué de petróleo ten un tubo de cristal e un sistema de corrente de aire. Foi das primeiras formas de iluminación artificial dos nosos antepasados, pero hoxe úsase só de adorno. Levaba un recipiente de petróleo e no extremo unha mecha, de algodón normalmente, que se prendía para alumear. O seu nome vén dun farmacéutico francés, Antoine Quinquet (1745-1803), que perfeccionou e comercializou o invento feito cara 1782 polo físico e químico Aimé Argand.
Os farois foron moi usados, tanto para a casa como para levar na man cando se camiñaba de noite. Están formados por unha caixa transparente, dentro da cal se pon luz. A luz pode ser producida por unha mecha impregnada en aceite ou outra graxa, unha vela, gas, electricidade, etc.
Construídos con folla de lata, zinc ou outros compostos de ferro, as paredes son de cristal, algunha delas abatible, para facer posible a recarga do combustible. Levan unha torreta de ventilación protexida da choiva.
As lámpadas de carburo eran moi usadas para iluminar as estancias da casa, pero primeiro usáronse nas minas. A primeira lámpada de carburo foi desenvolvida por Frederick Baldwin en Nova Iork, no 1900. Na parte de abaixo colocábase o carburo e tapábase con outro compoñente. Metíanse dentro dunha compoñente maior con auga. Ao reaccionar a auga co carburo, regulado, desprende gas acetileno que saía pola boquiña do dispositivo. Ao prenderse arroxaba unha luz máis intensa ca do candil ou do quinqué. Con menos dun quilo de auga e carburo de calcio pode obterse iluminación para máis de 24 horas.
Deixar unha resposta