Os artesáns do cazume

07.05.2011 Mr. Misto estrea hoxe en Melide un documental que recupera o peso das telleiras, un duro oficio co que acabaron a industrialización e a emigración

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO

A casa-museo de Furelos, en Melide, acollerá hoxe ás 21:00 horas a estrea de Telleiras, un documental da produtora Mr. Misto que recupera a importancia que tivo este oficio en extinción nos pobos de Furelos, Piñor e Leboreiro a mediados do século pasado. Veciños como Maruxa, María, Concepción, Manuel e Delmiro lembran a dureza dunha profesión totalmente artesanal na que traballaban de sol a sol entre os meses de xuño a setembro. Quizais foi ese un dos motivos que levou a que a partir dos anos 60, cando se impuxo a industrialización e mecanización da súa produción, este oficio caese no esquecemento e que así continúe pasados os anos.

En poucas ocasións este oficio pasou de pais a fillos.”Os netos desa xeración nin sequera coñecen a existencia dos fornos”. Así o asegura Xoán Mariño, produtor executivo da cinta, ademais de guionista, que comezou a investigar sobre as telleiras de Melide “hai tres ou catro anos” coa intención de elaborar “unha serie de documentais sobre oficios tradicionais galegos”.

Nestes concellos de Melide existe unha das condicións necesarias para este oficio: os seus terreos son arxilosos. “Eran zonas nas que a agricultura tiña pouca saída, así que os veciños optaron por crear fornos comunais para elaborar tella”, comenta Mariño.

A actividade tivo o seu auxe entre os anos 40 e 50 do século pasado até a década dos sesenta. Despois, a emigración e a impronta da industrialización acabou co oficio. “Foi algo curioso porque houbo moita emigración a Bilbao para traballar nos altos fornos. E a xente que se quedou aquí non seguiu co oficio, xa que ademais de ser moi duro, tampouco daba moitos rendementos económicos”, explica o produtor da cinta.

As telleiras tiñan unha estrutura formada por unha pía -un espazo xeralmente aberto onde se amasaba o barro-, unha caseta -un pendello onde se gardaban as ferramentas-, unha eira -o aberto onde se poñían a secar as pezas antes de cocelas-, un leñeiro -onde se almacenaba o material para queimar-, un forno e un pallete -o almacén das pezas antes de ser cocidas-.

“Cando acababan as fornadas facían unha romaría”

No documental recóllense as testemuñas de tres telleiros que xa superan os 80 anos, un fillo dun artesán e un carpinteiro que detalla o uso de ferramentas nas telleiras. “Unha das anécdotas que contan no filme é que a final do verán, cando remataban de cocer facían unha romaría para festexalo”, indica Xoán Mariño. De aí tamén o trasfondo cultural deste oficio. “Nas telleiras cantaban e celebraban. O feito de ir ás fornadas era un punto de encontro e de festa, a pesar do duro que era, xa que dependían moito das condicións meteorolóxicas para que o seu traballo tivese un bo fin”, engade o produtor executivo do documental.

As tellas que se facían en Melide non se vendían moi lonxe de alí. “Manuel de Casilda conta no documental que ían á feira de Lalín a vender as tellas. Normalmente, ían de feira en feira, aproveitando que era onde se congregaba moita xente, para vendelas. Aínda hoxe podes ver esa tella nalgúns tellados da zona”, sinala Mariño.

Os telleiros tamén contaban coa súa propia xerga, un vocabulario que tamén aparece recollido no documental. “Hai unha palabra moi fermosa: cazume, que fai referencia á cinsa coa que se cobre a tella despois de cocida ou “grade”, un instrumento que se utilizaba para dar forma á tella”, comenta Mariño. Para que este patrimonio inmaterial non se perda, e aínda que o Museo Terra de Melide xa ten publicada información a este respecto, Mr Misto ten a intención de elaborar un libro no que se recolla este vocabulario.

O domingo tamén se poderá ver o documental na Casa do Concello, que permanecerá aberta dende as dúas ata as seis da tarde, proxectando o filme ininterrumpidamente para que todos os veciños poidan achegarse a vela.

Os ricos melindres poñerán a guinda a esta edición da festa tan cinematográfica, que culminará co pregón do actor Manuel San Martín, un dos protagonistas da serie Libro de familia.

INVESTIGACIÓNS

Un patrimonio que se atopa na actualidade en “total abandono”

Un dos escasos estudos que existen en Galicia sobre este oficio é o elaborado por Xosé Lois Ladra, As telleiras tradicionais. O exemplo artesán, que recibiu o Premio de Investigación de Pontedeume en 2006. Un traballo no que o historiador pon de manifesto o estado de “total abandono” dos espazos onde se desenvolveu esta actividade. O autor define as telleiras como “establecementos industriais que marcaron unha época de transición entre as economías premodernas de base agropecuaria e a actual sociedade de mercado inmersa na dinámica capitalista mundial”. A través da análise dun dos casos máis importantes deste oficio en Galicia, o da Telleira “Arzúa” en Ares, o investigador rastrea as súas pegadas na tradición oral. Así, por exemplo, nas cantigas populares as tellas adoitábanse empregar como “metáfora do sexo feminino”. De aí adiviñas como “unha restra de señoras, cando mexa unha, mexan todas”. Os artesáns, tamén coñecidos como cabaqueiros, tiñan a súa propia xerga do mesmo xeito que canteiros, cesteiros ou afiadores. O seu verbo incluía palabras, hoxe case desaparecidas, como “moio”,a cantidade de tellas que se precisan para encher un carro de bois.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: