Archive for Museo

VISITA DOS ALUMNOS E ALUMNAS DE 1ºA

Os alumnos de 1ºB de Primaria visitaron o Museo do Colexio, acompañados pola súa titora, Mari Carmen Rubio. Portáronse moi ben, e foron verdadeiros lóstregos respostando ás actividades que se lle propuxeron. Amosaron ser tan espelidos que algúns mesmo foron quen de ver a Spiderman. Moitas grazas pola visita e volvede pronto.

Vodpod videos no longer available.

Deixar un comentario

1º A de Primaria anima o Museo

O grupo de 1ºA, coa súa titora Julia, visitaron o Museo e amosaron unha gran curiosidade e interese. Fixeron as actividades didácticas con entusiasmo e foi para todos moi gratificante. Xa quedan menos teas de araña. Desde o Museo dámoslle as grazas, foi un pracer!

A presentación é obra da titora.

Vodpod videos no longer available.

Deixar un comentario

VISITA DOS MÁIS PEQUENOS

Durante os recreos de Infantil e Primaria tivemos a sorte de que nos visitaran os alumnos de Infantil, guiados polos colaboradores de 5º e 6º de Primaria. Eles son o futuro do Museo. Agardamos que o pasaran ben e lle colleran algo de cariño ao seu Museo.

Vodpod videos no longer available.

Comments (1)

COLABORA CO MUSEO

colabora-21

O Museo non debe ser un espazo onde se acumulen teas de araña onde só poida sobrevivir o superheroe Spiderman. Entre todos os que formamos a comunidade educativa do D. Aurelio -pais, alumnos e profesores- temos que liberar ao noso heroe para que poida protexer a humanidade dos malvados.

Pretendemos crear un grupo estable de colaboradores que dinamizen o museo, que saque a pasear aos seus inquilinos polo Colexio e polas rúas de Cuntis (ou aínda máis lonxe). Esta tarefa pode ter moitas vertentes: organización e coidado do Museo, aporte de pezas, catalogación, elaboración de materias didácticos e folletos ou carteis para difundir, exposicións singulares, charlas onde se expliquen as características e funcionalidade dos obxectos, rodaxe de vídeos, redacción de artigos para o blogue e calquera outra idea que se nos poida ocorrer.

Tamén temos a pretensión de crear un museo virtual neste mesmo blogue, formado polas aqueles obxectos antigos que temos na casa e que son susceptibles de formar parte dun museo escolar e etnográfico. Aínda que non estean fisicamente no Museo, así contribuiremos á conservación e valoración do noso Patrimonio, a facer dos mesmos un instrumento didáctico ao alcance de calquera persoa interesada.

Animádevos a participar, entre todos seguro que podemos realizar unha actividade de gran valor cultural para a nosa bisbarra, aprendendo e divertíndonos. Agardámoste o mércores 28 de xaneiro, durante o recreo, no Museo

Deixar un comentario

O MUSEO EN FOTOS

Deixar un comentario

RECOLLENDO FOTOS

O Departamento de CC SS, responsable do coidado e funcionamento do Museo Escolar Ferro Couselo, solicita a colaboración do alumnado para ampliar o fondo fotográfico do Museo.Cumpreanos (anos 60)

  • As fotos deben ser anteriores a 1980
  • Deben ir acompañadas, nun folio aparte, dunha breve referencia espacial e temporal (onde se tirou a foto, o ano exacto ou aproximado, quen aparece na foto e que están a facer)
  • O profesor Eladio A. Fernández Manso recollerá as fotos orixinais e, coa maior brevidade posible, escaneará as fotos e devolverallas a@s alumn@s.
  • As fotos escaneadas pasarán a formar parte dos fondos do Museo.
  • As que teñan como temática a escola poderán ser cedidas para unha exposición sobre a Escola no franquismo que está a organizar o Concello de Cuntis.

Deixar un comentario

XESÚS FERRO COUSELO (1906-1975)

1996 Ferro Couselo nunha caricatura de Siro LópezO investigador e ensaísta Xesús Ignacio Ferro Couselo viu a luz en Santa Comba de Louro (máis coñecida por Cordeiro), pertencente ao concello pontevedrés de Valga, en 1906. Entrou no seminario compostelán en 1918, e, tras simultanear estes estudos cos de Filosofía e Letras —na sección de Historia—, conseguiu doutorarse na Universidade Pontificia. Nesta altura o Ferro Couselo universitario, moi interesado pola prehistoria (o influxo do seu tío Xosé Couselo Bouzas, arqueólogo e historiador, resultaría determinante na súa traxectoria), faría relación cos membros da xeración do Seminario de Estudos Galegos, decidindo non continuar coa carreira eclesiástica.
En 1931, ao tempo en que principiaba o seu traballo como profesor nun colexio vigués, comezou a colaborar na revista Logos (de ideoloxía galeguista e cristiá) e participou en Pontevedra na fundación do Partido Galeguista. Transladado en 1935 como profesor interino ao instituto de Tui, creou nesta vila a revista Tude (que el mesmo dirixiría) coa colaboración dos irmáns Álvarez Blázquez, alumnos seus. Un ano depois foi elixido vicepresidente das Mocedades Galeguistas, mais, co obxecto de preparar as oposicións, tivo que establecerse en Madrid, onde o sorprendeu a sublevación militar. Ficou na capital española durante o conflito, traballando con diferentes entidades (a CNT, Patrimonio, Cruz Vermella) e formando parte das Milicias Populares Galegas da Frente Popular.
Unha vez finalizada a guerra e tras gañar unha praza no corpo facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, retornou a Galiza e instalouse en Ourense. Nesta cidade realizou un valiosísimo labor en defensa do noso patrimonio histórico e artístico, como director do Museo Arqueolóxico Provincial (xestionou a súa ubicación no palacio episcopal e acrecentou considerabelmente os seus fondos); iniciou tamén a publicación do Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense (1943-1953) e do Boletín Auriense (1972-1981). Na súa faceta de animador cultural destaca o seu papel na fundación en 1950 da revista Posío. Arte y Letras e anos máis tarde, en 1967, da Asociación Cultural Auriense. Tamén traballou como arqueólogo, partillando excavacións con Xaquín Lorenzo.
En 1951 accedeu á Real Academia Galega (desde onde apoiou en 1963 a iniciativa de Fernández del Riego para instituir o dezasete de maio como Día das Letras Galegas) e un ano despois, en 1952, publicou a súa tese de doutoramento, dirixida por Armando Cotarelo Valledor, baixo o título de Los petroglifos de términos y las insculturas rupestres.

Aínda que publicou en galego e español diferentes artigos históricos, etnográficos, artísticos e lingüísticos en xornais e revistas (Logos, Compostellanum, La Noche, Fin de Semana, La Región, a revista portuguesa Bracara Augusta), a súa única obra editada en volume será A vida e a fala dos devanceiros (recompilación de textos dos séculos XIII e XIV), que Galaxia —en cuxa fundación participara— deu a coñecer no ano 1955.

Ferro Couselo faleceu na cidade das Burgas en 1975, sendo enterrado na súa aldea natal. O Día das Letras Galegas de 1996 dedicouse á súa homenaxe.
http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=XesFerro&alias=Xes%FAs+Ignacio+Ferro+Couselo&solapa=biografia

Deixar un comentario

FOTOS DA PRIMEIRA EXPOSICIÓN DO MUSEO

Deixar un comentario

O TELURIO

telurioEste foi o obxecto escollido para abrir a exposición de pezas do Museo na entrada do Colexio. Xa que Mahoma non ía á montaña… É unha actividade que iremos desenvolvendo ao longo do curso coa finalidade de facilitar o coñecemento dos fondos máis significativos do Museo. Para ista tarefa contamos coa axuda da profesora Hortensia Fernández e do alumnado de Informática 1 de 4º da ESO. Moitas grazas.

Este telurio ou planetario foi doado pola Sociedad Residentes de Cuntis en Buenos Aires nos anos vinte, un recordo da importancia que tivo a emigración no fomento da educación en Galicia. Estivo na fermosa escola graduada, derrubada, moi desafortunadamente, cando se fixo a actual Casa do Concello.

Se queres saber máis deste curioso e interesante obxecto didáctico, preme aquí: o-telurio1

Comments (2)

O MUSEO FERRO COUSELO

imgp14661O Museo Escolar Ferro Couselo é froito do traballo levado a cabo por un equipo de profesores desde hai máis de dez anos, dirixido polo profesor Juan Andrés Fernández Castro. Eles foron os encargados de recoller, catalogar e organizar o material escolar das antigas escolas unitarias e dos colexios do Concello de Cuntis, e ademais pediron co alumnado e o profesorado do CPI Don Aurelio colaborase doando ou depositando no Museo obxectos de valor etnográfico. Creouse así un Museo que nos permite percorrer unha parte da historia da escola e da vida cotiá de Cuntis no século pasado.

O Museo pasou por distintos locais do Colexio, ningún deles axeitado para unha correcta exposición das pezas. O último cambio realizouse hai tres anos e o Museo permaneceu parado ata o curso pasado, cando os profesores Ana Real, Ramón Mariño e eu mesmo nos puxemos a preparar o local e a colocar os obxectos. Reinaugurouse así o Museo durante as VI Xornadas Culturais D. Aurelio (maio do 2008) nun pequeno e pouco acolledor curruncho do Centro.

A pesar de que non é o mellor local, é o único posible nestes momentos, e está a disposición da comunidade educativa do CPI e de calquera persoa interesada, durante o horario lectivo.

Este curso 08-09 o coidado e dinamización do Museo é responsabilidade do Departamento de Ciencias Socias, Xeografía e Historia, iniciando unha nova andaina que ten como principais obxectivos dar a coñecer o Museo ao alumnado e a creación duns instrumentos didácticos que fagan do Museo un elemento máis do proceso de aprendizaxe. A colaboración con outros departamentos e, principalmente, co Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística queremos que sexa a canle que nos permita chegar a facer do Museo un lugar vivo e cotiá.

A creación deste blogue, adicado ao coñecemento e difusión do patrimonio etnográfico e educativo recollido no Museo, pretendemos que sexa unha ferramenta fundamental para acadar os obxectivos citados. Desde esta porta o noso pasado se abre ao mundo para amosarnos a través da cultura material como traballábamos, como estudábamos…, como viviamos en definitiva.

Cada un dos obxectos acubillados, se lle sabemos preguntar, nos contará como eramos e, por suposto, tamén, como somos. Atrevédevos a preguntar, atrevédevos a coñecervos!

Comments (4)

« Newer Posts