Posts Tagged cabaceira

Cabazos ou cabaceiras

Xosé María Lema Suárez e Carlos Fernández Concheiro presentan hoxe en Vimianzo o seu estudo sobre o hórreo atlántico

MARÉ . SANTIAGO

O Seminario de Estudos Comarcais presentará hoxe no Salón Caribe de Vimianzo o libro O hórreo atlántico ou fisterrán. Cabazos e cabaceiras da Costa da Morte e Barbanza (Galicia), con texto e fotos de Xosé María Lema Suárez e debuxos de Carlos Fernández Concheiro.

No territorio máis occidental de Galicia desenvolveuse unha tipoloxía común do hórreo, caracterizado, en palabras de Lema Suárez, por unha cámara rectangular construída toda en pedra coas físgoas de ventilacións (aires ou ventos) dispostas en sentido horizontal e sostida por columnas (pés) cubertas con cadansúa capa ou tornarratos. Os nomes máis espallados son os de cabazo e cabaceira -maiormente con seseo-, de aí a segunda parte do título.

As súas formas arquitectónicas definitorias, subliña o autor do volume, xa estaban desenvolvidas no séc. XVIII. O hórreo atlántico ou fisterrán espállase non só pola Costa da Morte, senón tamén pola península de Barbanza (arredor duns 3.000 km2): comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Muros, Noia etc.

Trátase dunha guía ou libro de divulgación que empeza cunhas breves notas sobre os hórreos galegos, nas que se salienta a súa condición de construción adxectiva rural con verdadeira vontade artística. Adeamis de analizar as partes do hórreo, establécese tamén, coa axuda gráfica de mapas a área de expansión dos hórreo pétreo atlántico, de Malpica á ría de Arousa, cunha aproximación á súa fronteira coa hórreos mixtos (madeira-pedra). Tamén se establece a fronteira entre os hórreos sustentados por pés e capas e os que van sobre celeiro ou muretes. A xuízo de Lema Suárez, son particularmente interesantes as zonas de transición, con curiosos exemplares híbridos.

Na tipoloxía común do hórreo atlántico cómpre distinguir entre hórreos vellos e novos. Os hórreos vellos son os exemplares máis rústicos, e pódese dicir que son semellantes en todo o territorio: cámaras construídas con cachotes irregulares de pedra e pés e capas ó natural, sen labrar. Dedícaselles unha páxina enteira a eles, con fotos de exemplares moi arcaicos (A Bouza-Berdoias; Beba-Mazaricos etc.).

Nos hórreos novos é onde se acada a tipoloxía común, de trazas xa máis xeométricas, pero iso non quere dicir que sexa igual en todas partes, de aí que distingamos variantes e subvariantes comarcais segundo, sobre todo, as formas dos seus soportes. Perfilamos unhas sete ou oito variantes, e, algunha delas (as do Arco Fisterrán en concreto), con catro subvariantes).

Neste territorio máis occidental imos atopar non só os exemplares máis longos de Galicia, senón tamén os máis monumentais e artísticos. Dos 14 exemplares máis longos de Galicia, 9 pertencen a esta zona, ocupando os parroquiais do Araño (Rianxo), Lira e Santa Comba de Carnota os primeiros lugares.

Entre os horreos monumentais da área, este último de Carnota é o que ocupa o primeiro lugar (“a catedral dos hórreos galegos”), pero tamén outros non quedan moi atrás: os reitorais de Lira (Carnota) e Ozón (Muxía), o de Viturro (Rianxo), e tamén os de Xuño (Porto do Son), Castiñeira (Cambeda-Vimianzo) etc. Os cabazos da aldea de Campos (Touriñán) os máis occidentais de Galicia, e, sen dúbida, tamén de Europa.

A CERNA

A guía de Lema Suárez e Fernández Concheiro, de 64 páxinas, conta con abundante material gráfico (125 fotos, uns 15 mapas e debuxos). Remata cun mapa xeral onde se localizan algúns dos hórreos ou conxuntos de hórreos que merecen unha visita. A publicación desta obra foi posible grazas ó Proxecto Singular “Percorrendo Vieiros da Costa da Morte”, aprobado pola Deputación da Coruña.

Deixar un comentario