Posts Tagged Didáctica

CEN ANOS DE ESCOLA

O diario Xornal publicou o pasado sábado, co gallo do comezo do curso, unha ampla reportaxe de David Lombao sobre a escola nos últimos cen anos. Nela seguiuse a evolución da escola que reflicte a magnífica exposición permanente do Museo Pedagóxico Galego (MUPEGA), con fotos tiradas por Tamara de la Fuente. Facemos aquí un resumo dos aspectos máis salientables da reportaxe, divididos en tres etapas: principios do século XX, II República e Franquismo.

Escola de nenas en Valga (1930)Comezos do século XX
A principios do século XX a maioría dos nenos (e sobre todo nenas) do rural non ían regularmente a escola pois acotío tiñan que traballar na casa e no campo, e para acudir a mesma, sobre todo no inverno, tiñan que percorrer ás veces varios quilómetros a pé. O ensino era un privilexio dos señoritos.
Os máis ‘instruídos’ da parroquia, os ‘escolantes’, montaron nas súas casas as chamadas ‘escolas de ferrado’, xa que os mestres recibían ao ano un ferrado de gran (entre 11 e 18 quilos) polo seu traballo. O escolante reuníase con alumnos de tódalas idades en cociñas ou cortes onde utilizaban as escrituras das casas ou a correspondencia cos emigrantes para iniciarse na lectura. Só os pais con máis posibles podían mercar libros de texto coma o Silabario, o Catón e mais a Aritmética, ademais do Catecismo do Padre Astete para facerse ‘buenos cristianos’.
Nestes anos comeza a estruturarse o ensino regrado coa creación de escolas elementais, con escasa implantación en Galicia. Para continuar no ensino superior había que saír da aldea. Ademais de lectura e escritura, a instrución dos nenos centrábase nas matemáticas (para facer as contas da casa ou pesar o gran) e nas ‘escolas de nenas’ os ‘labores’ da casa (costura, cociña e limpeza) eran os contidos fundamentais.

A II RepúblicaGuiñol en Malpica Misións Pedagóxicas 1931
A vitoria dos republicanos nas eleccións municipais de 1931 provocou a caída da Monarquía e o establecemento dun novo réxime. O primeiro Goberno das esquerdas republicanas tivo como prioridade diminuír o altísimo número de analfabetos, sobre todo mulleres (un 50% delas non sabían nin ler nin escribir). Ademais do aumento significativo de aulas e mestres, e dos soldos, houbo unha verdadeira revolución nos contidos e métodos. Suprimiuse a relixión obrigatoria, nenos e nenas compartían as aulas e permitiuse o bilingüismo en Cataluña, Galicia e Euskadi. Fixéronse actividades avanzadas, como excursións, ensinábase música e realizáronse campamentos fóra do período lectivo, as Colonias Escolares. O materias de apoio adquiríu tamén unha presenza importante nas aulas, dotándose de paneis de ciencias ou reproducións do corpo humano e microscopios.
En Galicia creáronse 1.500 escolas e a cadro de persoal de mestres incrementouse nun 43% durante os cinco anos da II República. Tamén se puxeron en marcha as Misións Pedagóxicas, para educar e achegar a cultura a tódolos recunchos dos país. Bibliotecas itinerantes, representacións teatrais, proxeccións cinematográficas ou exposicións artísticas percorreron Libro FENvilas e aldeas.

O Franquismo
O triunfo dos franquistas na Guerra Civil levou á Ditadura, que axiña cambiou radicalmente o sistema educativo. O corpo de mestres sufriu a depuración dos seus membros (o 30% dos mestres de primaria foron expulsados) e os currículos censuráronse en función da ideoloxía nacional-católica do réxime. Moitos dos novos mestres carecían de formación, xa que o seu único mérito foi formar parte do bando dos vencedores da Guerra.
A Igrexa tivo de novo un papel principal na educación, tanto na creación de colexios relixiosos (mesmo se pecharon 41 centros públicos, substituídos por colexios relixiosos privados) como no control dos contidos, sendo materia obrigatoria a doutrina católica. Os crucifixos volveron presidir tódalas dependencias escolares, acompañados dos retratos de Franco e José Antonio Primo de Rivera, o fundador da Falange.
Ademais da Relixión, a materia de Formación del Espíritu Nacional fíxose obrigatoria, para adoutrinar aos rapaces nos principios do Movemento, o partido único. Volveuse a separación radical de nenos e nenas, recibindo diferente formación. Os nenos aprendían materias máis relacionadas co eido técnico e industrial, mentres as mulleres volvían a ser adestradas para ser boas esposas e nais, para ser amas de casa.

Advertisement

Deixar un comentario

O TELURIO

telurioEste foi o obxecto escollido para abrir a exposición de pezas do Museo na entrada do Colexio. Xa que Mahoma non ía á montaña… É unha actividade que iremos desenvolvendo ao longo do curso coa finalidade de facilitar o coñecemento dos fondos máis significativos do Museo. Para ista tarefa contamos coa axuda da profesora Hortensia Fernández e do alumnado de Informática 1 de 4º da ESO. Moitas grazas.

Este telurio ou planetario foi doado pola Sociedad Residentes de Cuntis en Buenos Aires nos anos vinte, un recordo da importancia que tivo a emigración no fomento da educación en Galicia. Estivo na fermosa escola graduada, derrubada, moi desafortunadamente, cando se fixo a actual Casa do Concello.

Se queres saber máis deste curioso e interesante obxecto didáctico, preme aquí: o-telurio1

Comments (2)