De xiz-toria recollemos este magnífico traballo realizado ao longo do curso 2009-2010 polo alumnado de 2º de Bacharelato do IES Francisco Aguiar de Betanzos. Trátase dunha orixinal e interesante experiencia, da que aquí se presenta unha parte, que ten como obxectivo crear un arquivo de imaxes acompañadas dos arquivos sonoras coas palabras dos protagonistas de ditas imaxes. Noraboa e moitas grazas.
Posts Tagged FOTOS
Máis de 7.000 vistas no flickr
A galería de fotos do Museo á que podedes acceder desde a barra da dereita tivo ata hoxe 7.046 vistas. Todo un éxito para unha galería onde dominan as fotos antigas aportadas polos alumnos deste curso e dos pasados. De momento temos 341 fotos subidas á rede, abertas a todo o mundo cunha finalidade educativa, o coñecemento do noso pasado.
As fotos antigas divídense en 11 álbums: Interiores, Familias, Emigración, Mili, Traballos, Lecer-Festas, Retratos, Nenas e nenos, Paisaxes, Relixión e Escola. Ademais temos abertos outros tres álbums: Obxectos do Museo, Fotos do Museo (novembro 09) e Colaboradores (08-09).
Pertencemos aos seguintes grupos do Flickr: Patrimonio de Galicia, Galicia B/N, Arquitectura Tradicional Galega, Geotagged: Galicia, Festas Galegas, Fotos Antigas de Galicia e Fotos Antiguas de España.
A imaxe máis vista é charanga, (82), montaxe de dúas fotos, seguida de Inundación na rúa da Presiña (54), montaxe de tres fotos, Matanza (45), Mozas en vespa (42) e Nai e filla na romaría. Agardamos seguir aumentando con novas achegas as nosas fotos, cremos que así contribuímos á conservación e difusión do noso patrimonio. Grazas aos alumnos e alumnas, as súas familias e aos retratados. Todos eles contribúen a coñecernos mellor.
Historias de vida: as nosas avoas
Esta presentación é un resumo dos traballos realizados polo alumnado de 4º da ESO do curso 2008-09. Neles, atendendo a un guión proporcionado polo profesor debían recoller información sobre a vida das súas avoas ou, de non ser posible, doutras mulleres de idade similar. A partir da información conseguida nas entrevistas elaboraron unha presentación, na que o texto ía acompañado de material gráfico, a ser posible orixinal. Os temas xerais nos que se ordenou a presentación foron: a escola, o lecer, matrimonio e fillos, os traballos, a casa, a aldea, a vida e a política. Neste resumo usáronse fotos aportados polo alumnado, completadas con outras recollidas en anos anteriores, que forman parte do fondo fotográfico do Museo Escolar Ferro Couselo, e algunha baixada da rede.
A realización do traballo foi moi gratificante, tanto pola implicación do alumnado, como pola información recollida, máis interesante para axudarlles a comprender o pasado e os cambios no tempo, os da súa familia, pero tamén os da sociedade na que viven hoxe.
Fotos das familias do alumnado
O curso pasado fixemos unha pequena búsqueda de fotos antigas que o alumnado ten nas casas para sumalas ao fondos do Museo. A resposta non foi moi masiva, pero as que temos son moi significativas. A través delas podemos descubrir a historia das nosas familias, dos noso lugares, en definitiva, a nosa propia Historia. Grazas a Andrea, Javier, Lidia, Lorena, Maite, Natalia, Rubén e Tania. Premendo aquí podedes ver unha presentación con todas as fotos.
RECOLLENDO FOTOS
O Departamento de CC SS, responsable do coidado e funcionamento do Museo Escolar Ferro Couselo, solicita a colaboración do alumnado para ampliar o fondo fotográfico do Museo.
- As fotos deben ser anteriores a 1980
- Deben ir acompañadas, nun folio aparte, dunha breve referencia espacial e temporal (onde se tirou a foto, o ano exacto ou aproximado, quen aparece na foto e que están a facer)
- O profesor Eladio A. Fernández Manso recollerá as fotos orixinais e, coa maior brevidade posible, escaneará as fotos e devolverallas a@s alumn@s.
- As fotos escaneadas pasarán a formar parte dos fondos do Museo.
- As que teñan como temática a escola poderán ser cedidas para unha exposición sobre a Escola no franquismo que está a organizar o Concello de Cuntis.