Posts Tagged franquismo

CEN ANOS DE ESCOLA

O diario Xornal publicou o pasado sábado, co gallo do comezo do curso, unha ampla reportaxe de David Lombao sobre a escola nos últimos cen anos. Nela seguiuse a evolución da escola que reflicte a magnífica exposición permanente do Museo Pedagóxico Galego (MUPEGA), con fotos tiradas por Tamara de la Fuente. Facemos aquí un resumo dos aspectos máis salientables da reportaxe, divididos en tres etapas: principios do século XX, II República e Franquismo.

Escola de nenas en Valga (1930)Comezos do século XX
A principios do século XX a maioría dos nenos (e sobre todo nenas) do rural non ían regularmente a escola pois acotío tiñan que traballar na casa e no campo, e para acudir a mesma, sobre todo no inverno, tiñan que percorrer ás veces varios quilómetros a pé. O ensino era un privilexio dos señoritos.
Os máis ‘instruídos’ da parroquia, os ‘escolantes’, montaron nas súas casas as chamadas ‘escolas de ferrado’, xa que os mestres recibían ao ano un ferrado de gran (entre 11 e 18 quilos) polo seu traballo. O escolante reuníase con alumnos de tódalas idades en cociñas ou cortes onde utilizaban as escrituras das casas ou a correspondencia cos emigrantes para iniciarse na lectura. Só os pais con máis posibles podían mercar libros de texto coma o Silabario, o Catón e mais a Aritmética, ademais do Catecismo do Padre Astete para facerse ‘buenos cristianos’.
Nestes anos comeza a estruturarse o ensino regrado coa creación de escolas elementais, con escasa implantación en Galicia. Para continuar no ensino superior había que saír da aldea. Ademais de lectura e escritura, a instrución dos nenos centrábase nas matemáticas (para facer as contas da casa ou pesar o gran) e nas ‘escolas de nenas’ os ‘labores’ da casa (costura, cociña e limpeza) eran os contidos fundamentais.

A II RepúblicaGuiñol en Malpica Misións Pedagóxicas 1931
A vitoria dos republicanos nas eleccións municipais de 1931 provocou a caída da Monarquía e o establecemento dun novo réxime. O primeiro Goberno das esquerdas republicanas tivo como prioridade diminuír o altísimo número de analfabetos, sobre todo mulleres (un 50% delas non sabían nin ler nin escribir). Ademais do aumento significativo de aulas e mestres, e dos soldos, houbo unha verdadeira revolución nos contidos e métodos. Suprimiuse a relixión obrigatoria, nenos e nenas compartían as aulas e permitiuse o bilingüismo en Cataluña, Galicia e Euskadi. Fixéronse actividades avanzadas, como excursións, ensinábase música e realizáronse campamentos fóra do período lectivo, as Colonias Escolares. O materias de apoio adquiríu tamén unha presenza importante nas aulas, dotándose de paneis de ciencias ou reproducións do corpo humano e microscopios.
En Galicia creáronse 1.500 escolas e a cadro de persoal de mestres incrementouse nun 43% durante os cinco anos da II República. Tamén se puxeron en marcha as Misións Pedagóxicas, para educar e achegar a cultura a tódolos recunchos dos país. Bibliotecas itinerantes, representacións teatrais, proxeccións cinematográficas ou exposicións artísticas percorreron Libro FENvilas e aldeas.

O Franquismo
O triunfo dos franquistas na Guerra Civil levou á Ditadura, que axiña cambiou radicalmente o sistema educativo. O corpo de mestres sufriu a depuración dos seus membros (o 30% dos mestres de primaria foron expulsados) e os currículos censuráronse en función da ideoloxía nacional-católica do réxime. Moitos dos novos mestres carecían de formación, xa que o seu único mérito foi formar parte do bando dos vencedores da Guerra.
A Igrexa tivo de novo un papel principal na educación, tanto na creación de colexios relixiosos (mesmo se pecharon 41 centros públicos, substituídos por colexios relixiosos privados) como no control dos contidos, sendo materia obrigatoria a doutrina católica. Os crucifixos volveron presidir tódalas dependencias escolares, acompañados dos retratos de Franco e José Antonio Primo de Rivera, o fundador da Falange.
Ademais da Relixión, a materia de Formación del Espíritu Nacional fíxose obrigatoria, para adoutrinar aos rapaces nos principios do Movemento, o partido único. Volveuse a separación radical de nenos e nenas, recibindo diferente formación. Os nenos aprendían materias máis relacionadas co eido técnico e industrial, mentres as mulleres volvían a ser adestradas para ser boas esposas e nais, para ser amas de casa.

Advertisement

Deixar un comentario

ESCOLA DE PIZARRA E PIZARRIÑO. A escola dos nosos avós

O Concello de Cuntis, en colaboración co MUPEGA, montou unha exposición, na Casa de Cultura Blanco Torres, sobre a escola do franquismo. A iniciativa foi de Enrique Gontad, historiador que fixo as prácticas do CAP no noso Colexio, co obxectivo de estimular a lembranza dos maiores e darlle a coñecer a escola do pasado aos máis novos. Algúns obxectos do noso Mueso Ferro Couselo tamén forman parte da mostra.
A exposición é, en realidade, a reconstrución dun aula da escola franquista. Presidida polo crucifixo, as imaxes da Inmaculada (curiosamente coa bandeira republicana), o Sagrado Corazón, a bandeira franquista, e, claro, Franco e José Antonio. A escola era o instrumento de adoutrinamento católico e fascista. Antes de comezar as clases cantábase o Cara el Sol, e rezábase.
Os mestres, superiores, na tarima, usaban a regra para algo máis que medir ou trazar liñas rectas no encerado. O reloxo marcaba o tempo das clases, e os tinteiros e as pizarras eran usadas para escribir antes da introducción do papel e os cadernos. Mapas, láminas e esferas eran das poucas ferramentas pedagóxicas coas que se contaba.
Nenos e nenas separados, físicamente pero tamén na educación que recibían. A máquina de coser era só para as mulleres.  Nun curruncho o bidón de leite en po doado polo ‘amigo americano’ recorda a miseria da época, pero tamén a complicidade da potencias occidentais coa barbarie franquista.

A exposición complétase coa proxección de fotografías recollidas no Concello, que reflicten escenas cotiás da escola. Moitas delas son os retratos recordatorios feitos ao remate do curso escolar.
O pasado día 30 visitaron a mostra os alumnos de 3ºA, e alí puideron vvir o ambiente da escola de antes, grazas ao bo facer e a paciencia de Enrique. Miraron, escoitaron, debuxaron e xogaron, pero teñen a sorte de non sufrir o despotismo que acostumaba a reinar na escola dos seus avós.
Visitar a exposición é máis que recomendable para pais, alumnos e profesores. Recordar e coñecer o pasado é imprescindible para non repetilo.

Vodpod videos no longer available.

Deixar un comentario