Posts Tagged Patrimonio Inmaterial

Ronsel, a conservación do patrimonio inmaterial

Malla en Valga

Malla en Valga

O patrimonio cultural inmaterial (ou PCI) é definido pola Unesco como “os usos, as representacións, as expresións, os coñecementos e as técnicas –xunto cos instrumentos que lles son inherentes– que as comunidades, os grupos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural”. Son os oficios tradicionais, os bailes, os xogos, as lendas orais, e tamén a lingua ou as formas de relacionarse coa natureza. En Galicia este patrimonio imprescindible para entendermonos como pobo está sendo catalogado e divulgado polo Proxecto Ronsel.

Trátase dunha iniciativa que naceu en 2007, mediante un convenio asinado entre as tres universidades galegas e as Consellerías de Cultura e Industria, para a realización do inventario, salvagarda e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial do país.

Ronsel comezou por elaborar un Plan de Salvagarda e Posta en Valor para o Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia, no que se estudaron os cinco ámbitos nos que a Unesco divide o PCI –tradicións e expresións orais, artes do espectáculo; usos sociais, rituais e actos festivos; coñecementos e usos relacionados coa natureza, e técnicas artesanais tradicionais– e se deseñaron as liñas de actuación actuais.

Na páxina web do proxecto Ronsel hai xa máis dun milleiro de documentos e 72 horas de gravacións de vídeo e audio. Editáronse varias ducias de publicacións e puxéronse en marcha iniciativas como a Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués ou a colaboración anual coa asociación Ponte…as ondas! que divulga as tradicións galegas entre os alumnos do ensino obrigatorio.

Grazas ao traballo realizado, o proxecto ten hoxe documentados preto de cen oficios, como o de cesteiro ou pescador de anguías, e posúe un arquivo de 150 instrumentos tradicionais, tanto ferramentas profesionais como musicais ou lúdicas. Na súa web, poñen a disposición de todo o mundo máis de 800 páxinas de Word con distintos artigos sobre patrimonio cultural inmaterial, 800 fotografías sobre as distintas áreas que investigan, 48 horas de vídeo e 24 de audio, ademais de seis libros en formato PDF.

O Proxecto Ronsel editou tamén varios libros e discos, habitualmente destinados ao ensino, coma O quiquiriquí, con cantos de Nadal; Pelogato 24, con cantigas e xogos, e 13 lúas, sobre as formas de medir o tempo antes de que houbese calendarios e reloxos. Ademais, Ronsel ten unha serie de publicacións en inglés, francés, galego e castelán, pensadas para divulgar a cultura galega fóra das fronteiras do país. O primeiro destes libros cuatrilingües foi Contos de ida e volta, adicado ás narracións tradicionais –dispoñible na web en PDF–, e hai pouco que apareceu Instrumentos Tradicionais Galegos. Unha selección natural, sobre esquecidas ferramentas de son.

Comments (1)