Posts Tagged trompos

OS TROMPOS, por Hugo Picallo

A orixe dos trompos é mais ben incerta aínda que se ten coñecemento da existencia de peonzas dende o 4000 a.C. posto que xa se atoparon algúns exemplares.
Os xogos con trompos tradicionalmente máis representativos son os seguintes:

O Corro
Faise un círculo e cada un dos xogadores lanza o seu trompo na orde asignada. Se este baila fóra do círculo, ou non baila, o trompo panda no centro do círculo e o resto deben de tirar para quitalo de este. Se algún trompo morre dentro do círculo tamén panda trompo.
O último xogador vai a por tódolos trompos e se falla será el quen pande trompo.

Os Puyazos ou os Monos.
Neste xogo poden tomar parte tódolos xogadores que queiran. O que obtivo o último posto ao determinar a orde do xogo deixa o seu trompo no acostumo e os demais lle atacan; se algún non dálle polo menos un puyazo ou fai pállaras perde e deixa o seu en lugar do outro.
Como se ve, este xogo é sinxelísimo pero os bos xogadores acostuman complicalo para o converter en xogo de destreza.

O corro  (variante)
Trázanse dúas circunferencias concéntricas, unha de 0,5 m. ou menos, e a outra duns 3 m. de diámetro, adaptámolas ó espazo e ás habilidades dos participantes. Os xogadores tiran a discreción os seus trompos ao círculo de menor tamaño interior, tratando de que saian bailando ata o círculo maior ou fóra deste.
Perden e teñen que deixar o seu trompo dentro del os que fagan nobelos, os que non bailen  dentro do círculo menor ou os  que lle dean a outro trompo, pero o seu trompo non saia bailando fóra do círculo maior (ás veces estes últimos se deixan no sitio en que quedan ao morrer).
En canto hai algún trompo dentro os demais procuran quitalo fóra do círculo maior tirando os seus trompos ou peonzas segundo as condicións impostas. O mais frecuente é tirar ao queque e, se sae bailando a buxaina propia, apañala cantas veces se poda na man para seguir dando piques e mazadas; pero pódese impor unha sóa clase de puyazos.
Os trompos que fagan nobelos ou non saian bailando do círculo maior, e ás veces os que non dan puyazo ao ser chimpados, pasan castigados ao circuliño, e chámanse trompos mortos. Mentres haxa trompos mortos non se pode dar puyazo algún ós vivos. Ás veces permítese ó que perde por un trompo seguir xogando con outro, se o ten.

Quilas
Por parellas un xogador fai bailar o seu trompo, o outro recólleo e desprázase a un lugar preestablecido. Se torna co trompo aínda xirando gaña, polo contrario se se cae ou para, perde. Despois trócanse os postos.

As Postas
Para este xogo abonda con trazar un circunferencia duns 3 m. de diámetro. Designado a orde, cada xogador pon no centro do circulo unha moeda, un teixo ou outro obxecto co que se queira xogar.
Despois tira o primeiro o seu trompo e apaña para el cantas pezas consiga quitar do corro con toda clase de puyazos. As que non saian déixanse no sitio en que quedan sen movelas; e se algunha quedase tocando a raia non se considera fóra ata que outro xogador a quite por completo.
En canto morra o trompo do primeiro, tira o segundo e xoga do mesmo modo, e así os demais.
Quitadas todas as moedas faise nova partida e continúa tirando o que lle corresponda, aínda que en ocasións en cada partida desígnase novo orde para tirar.
Para maior interese, xóganse tamén  partidas de dous ou tres contra outros tantos, neste caso unhas veces tiran alternando un de cada equipo e outras, aínda que é menos frecuente, primeiro tiran todos os dun equipo e logo a continuación todo o equipo contrario; de calquera xeito, o que cada un quita é para todo o equipo.

Non hai Pousada
Trázase unha circunferencia duns 3 metros de diámetro e os xogadores divídense en dous bandos. Os do primeiro botan fóra do círculo os trompos do segundo ata que perdan e muden de posto.
Para iso, os do segundo equipo poñen os seus trompos no centro do corro; os do primeiro, xuntos ou separados, tiran os seus trompos unha sóa vez cada un e, valéndose de toda clase de puyazos procuran quitar os outros do corro.
Se conseguen quitalos todos, volve a repetirse o xogo cantas veces o fagan; pero se algunha vez queda algún trompo do bando contrario dentro entón poñen os seus, e os do outro bando xogan en igualdade de condicións.
Neste xogo non importa que algún equipo faga nobelos; o dono só perde cando perde o seu bando; pero na quenda en que o fai non pode voltar a tirar ata que lle corresponda na volta ou quenda seguinte.

Deixar un comentario