Posts Tagged Cequeril

O San Roque de Sevil, por Carmen Miranda e Lorena Núñez 3ºB ESO, Lorena Fontenla e Cristina Rodríguez, 1º ESO

Ponte de San Roque (1)

Ponte de San Roque (1)

De todas as festas hai unha tradición especialmente singular, que é a procesión de San Roque de Sevil. O santo é levado en procesión dende a igrexa parroquial de Cequeril até o Campo da Torre de Sevil, nun percorrido por todas as aldeas da parroquia a través de camiños que cruzan os lugares e sendeiros polo monte.

Segundo parece, a orixe da festa está nun ano de peste que matou animais en todas as casas. Tres mozas e dous mozos de Sevil fixéronlle unha novena a San Roque, avogoso dos animais, que continuou durante moitos anos, e quitaron ao santo en procesión. Dende aquela, deixaron de festexar o Carme e comezaron coa celebración do San Roque, fai disto máis de 90 anos.

Segundo o santoral, o San Roque é o 16 de agosto, pero en Sevil os veciños recordan a festa, desde sempre, o 21 de agosto. Descoñecemos o motivo real deste “cambio”, pero todo nos fai pensar que debeu pasar o mesmo que co Socorro de Cequeril: ao coincidir coas patronais da parroquia de Cuntis e co San Roque de San Martiño, en Moraña, trasladaron a data para asegurar o mantemento da festa.

Ponte de San Roque (2)

Ponte de San Roque (2)

Actualmente a procesión sae ás 8 da mañá. Hai anos o percorrido era moito máis longo, polo que a hora de saída era ás 6:30 ou 7 da mañá. Ademais, dende que se fai o Socorro en Cequeril o dia 20, resulta máis difícil levantarse para acompañar a procesión, especialmente os mozos.

Da igrexa parroquial ía a Traselle –agora xa non pasa por este lugar-, A Penela, Cequeriliño, Mato, Camiño Vello de Mato- hoxe é monte pechado pero aínda se poden ver as ruínas dunha casa. A procesión pasa por un sendeiro que transcorre á beira destas ruínas, por debaixo dunha ponte-. De aí chega á estrada que une Cequeril con Campo Lameiro, logo vai á Rampla da Portela, camiña por unha vía romana e penetra en Vilar de Mato: primeiro recorre o Quinteiro de Arriba e despois o Quinteiro de abaixo.

En Portavezal cruza o río e vaise achegando a Sevil a través do monte. A única parada que fai a procesión é na taberna de Francisco Guimarei, no Agro Maior, en Sevil. Alí pousan o Santo e gaiteiros, cura e procesionais repoñen forzas cun grolo na taberna.

Continúa a procesión até chegar ao Campo da Torre, en Sevil, despois de percorrer toda a aldea, e alí celébrase unha misa campestre. Todo isto dura arredor de dúas horas, polo que estamos falando xa das once da mañá aproximadamente.

Ao remate, o San Roque é trasladado, esta vez xa en coche, até a igrexa parroquial de Cequeril e a unha do mediodía celébrase a misa cantada co santo xa de volta. Durante a procesión pasámolo moi ben. Bótanse foguetes, van tocando as gaitas, contámonos contos e, pola noite, hai verbena en Sevil.

Durante uns anos a procesión achegábase até a Hermida. Os veciños pedíranlle ao cura que lla levara, e como isto supuña máis cartos para a festa, non tivo inconveniente. Máis, despois duns anos, deixou de ir. Hai quen di que foi porque o percorrido se facía moi longo, pero tamén hai os que afirman que o cura fíxoo por non meterse no “territorio” do seu homólogo da parroquia de Cuntis, a que pertence A Hermida.

San Roque, avogoso dos animais

A xente esperaba a chegada da procesión para pasar un brazado de pabóns, espigas ou verzas polo santo e ofrecerllo logo aos animais. Tamén lle deixaban mandos de herba pola beira do camiño polo que pasaba o santo. Todo isto para que non lle entrara a peste aos animais durante o ano.

Despois facíase unha puxa en Cequeril, ao pé do cruceiro, ao remate da misa cantada. Formaban parte da poxa uñas de porco, “uvas dos paxaros”- acios de uvas que maduraban máis cedo-, espigas ou patacas que sobresaíran polo seu tamaño. O recadado era para o cura, como tamén os cartos que os parroquiais colgaban do santo ese día.

A ponte de San Roque

Ponte de San Roque (3)

Ponte de San Roque (3)

O tramo máis fermoso da procesión e o que transcorre dende a aldea de Vilar de Mato para penetrar na de Sevil. Para isto, hai que cruzar o río Umia no Portavezal, concretamente na Fontiña. Chámase así, loxicamente, porque neste lugar hai unha fonte.

Para facer unha ponte os veciños de Sevil cortan dous eucaliptos o bastante longos para cruzar o rio e cúbrenos con garabullos que serven de base. Hai anos iso era moito máis difícil, xa que os donos das fincas de Portevezal ían vixiar para que non lle cortaran ningún abeneiro ou piñeiro. Isto obrigaba aos mozos a subir río arriba xuntando pólas de abeneiro para facer a ponte. No orzamento da festa incluían un paquete de puntas, necesarias para apuntala.

É costume que cada aldea limpe os camiños polos que pasa a procesión. Ademais disto, os de Sevil teñen que limpar o campo da festa e facer a ponte de San Roque. Fai anos a ponte ía en dous ou tres tramos. De ser así o primeiro tramo facíano os veciños de Vilar de Mato. A procesión serve para crear un camiño de comunicación entre Vilar de Mato e Sevil, dende que se fai a ponte de San Roque até que as riadas a levan rio abaixo. Isto era especialmente importante fai anos, cando poucos tiñan coche e tiñan que baixar ao Baño (Cuntis) andando. Os de Vilar de Mato atallaban un bo treito se usaban esta vía.

Comments (1)

Inauguración da ruta de sendeirismo da Ponte do Ramo

A Asociación Vecińal e Cultural O Portavezal de Vilar de Mato organiza a inauguración da Ruta de Sendeirismo da Ponte do Ramo o próximo sábado 10 de outubro.

ruta VilarA actividade comezará cunha marcha pola senda e rematará cun xantar popular, visitando os petroglifos de Cequeril. Este é o programa:

  • 10.30 Saída dos participantes na marcha dende o punto de encontro en Vilar de Mato.
  • 11.30 Parada nos petróglifos de Cequeril que inclúe unha visita didáctica guiada.
  • 13.00 Chegada dos participantes a área de lecer do Portavezal (Río Umia). Actuación da Agrupación de Música e Baile Tradicional de Cuntis.
  • 14.00 Xantar popular á beira do río (para asisitir ao xantar confirmar asistencia no correo oportavezal@gmail.com ou no número 646.138.434. O prezo do menú e de 15 euros adultos e 10 euros nenos menores de dez anos).

Desde o Museo queremos felicitar a asociación veciñal ‘O Portavezal’ polo gran traballo realizado, ao igual que as outras entidades colaboradoras. Tivemos oportunidade de percorrer o treito do camiño que discorre á beira do río Umia e puidemos comprobar a femosura da paisaxe, así como a extrordinaria labor realizada na recuperación dos muíños situados na ribeira. Estas iniciativas de recuperación do noso patrimonio son imprescindibles para poñer en valor a nosa terra, ofrecéndonos una oferta de ocio e cultura de calidade. Parabéns!!!

Comments (11)

CEQUERIL, por Jonathan Iglesias (3ºA)

Comments (3)