Archive for Maio, 2009

O ÚLTIMO PATEXEIRO

Daniel Prieto/Xornal de Galicia 29/05/2009

O historiador Bernardo Máiz, especialista en embarcacións tradicionais, publicou en 2001 As embarcacións de pasaxe nas rías galegas, onde daba por desaparecido o patexeiro, empregado para recoller o patexo, cangrexo empregado antano para abonar as fincas. Miguel Martínez, director da Asociación Os Patexeiros, de Sada, decatouse un día de que no seu municipio contaban cun verdadeiro tesouro: un patexeiro botado en 1944, que decidiu restaurar. “É un barco de doce metros de eslora que se ía desguazar, menos mal que o collimos a tempo”, asegura Martínez. A ausencia de datos sobre a lancha e a súa tipoloxía indican que, posiblemente, o modelo é anterior a 1944.

O patexeiro A Balbina, fondeado no peirao dese municipio coruñés, ademais de atoparse “en perfecto estado”, conta con outro valor engadido: un motor diésel que non emprega electricidade. “É outra peza de museo, que hai dous anos aínda funcionaba”, explica o presidente da asociación. Malia perder a vela, o barco conserva aínda o tinteiro.

Co gallo de “recuperar os valores tradicionais das embarcacións galegas”, Os Patexeiros celebran hoxe na Casa da Cultura de Sada un acto para “concienciar á cidadanía sobre a necesidade de conservación desta parte do patrimonio”, indica Miguel Martínez. Na súa opinión, “existen dous mundos antagónicos, a pesca e a náutica de recreo, e estáse perdendo o legado dos nosos devanceiros”, asevera. O evento, que se desenrolará durante todo o día e comezará ás 11.00 horas, contará coa presenza de especialistas no tema como Bernardo Máiz e César Bedoya, así como José Manuel Álvarez Campana, o presidente de Portos de Galilcia.

Pola mañá abordaránse temas como o estado de conservación do patrimonio marítimo en Galicia , os casos doutras embarcacións restauradas, as políticas de subvencións das distintas administracións e a viabilidade económica da conservación destes elementos, xa que constitúe un importante reclamo para o turismo. “No norte de Galicia estamos moi retrasados na recuperación do noso patrimonio marítimo”, di Martínez. Ao parecer, as tipoloxías autóctonas estanse perdendo paseniño, “sen que as administracións presenten proxectos de viabilidade”, indican desde Os Patexeiros.

A asociación aproveitará a ocasión para solicitarlle a Portos de Galilcia un compromiso con esta importante parte do acervo galego. “Non é lóxico que unha gamela estea sometida aos mesmos impostos que os barcos modernos”, sinala Martínez. “A administración marítima non ten ningún respecto por isto e esixiremos que isto cambie”, engade o presidente da entidade. Segundo o seu testemuño, “no resto de Europa os Estados si protexen este tipo de bens”.

Tras un almorzo tradicional, a organización contará pola tarde co testemuño de varios mariñeiros de Sada. O obxectivo é recuperar prácticas, historias e coñecementos que cada vez coñecen menos persoas. “Faremos unha recolleita da memoria popular, para que a xente maior narre as súas lembranzas”, engade Miguel Martínez. A xornada está aberta a todos os interesados. E pola tarde, unha visita a Balbina porá fin á actividade.

Os Patexeiros planean recoller nun libro os relatos dos mariñeiros máis veteranos. Tamén teñen previsto organizar en Sada unha regata de embarcacións tradicionais, unha vez completada a restauración de Balbina, o vestixio dun mundo cada vez máis lonxano.

Deixar un comentario

CASTROLANDÍN, Paula Fandiño (3ºA)

Comments (2)

CALVOS, por Marcos Maceiras e Sheila Martínez (3ºB)

Comments (14)

ARCOS DE FURCO, Natalia Gª, Natalia Soto, Manuel e Sandra

Comments (13)