Posts Tagged Ferro Couselo

Un estudo sobre os telleiros gaña o Couselo

Na modalidade de proxectos, o xurado escolleu un sobre o patrimonio industrial de Valga
REDACCIÓN- Galicia Hoxe

O libro Estudo das migracións estacionais dos telleiros do Baixo Miño. 1750- 1900, da coruñesa María de los Ángeles Verea Castelo, foi premiada co premio Ferro Couselo na modalidade de traballos de ámbito galego, dotada con 4.000 euros. (telleiros)
No apartado de proxectos para estudos centrados na historia de Valga, que supón un premio de 3.000 euros, o gañador foi O Patrimonio Industrial de Valga. As telleiras e as fábricas de Cerámica, de Alejandro Fernández, de Vigo.
Os premios de investigación Xesús Ferro Couselo acaban de darse a coñecer, e onte recollía a noticia a Asociación de Escritores en Lingua Galega na súa web.
Desta volta presentáranse un total de oito traballos ao premio, que anualmente convoca o Concello de Valga. A primeira modalidade é para traballos de investigación de ámbito galego dentro das especialidades de Etnografía, Paleografía, Numismática, Arqueoloxía, Historia e Historia do Arte. O xurado, presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, estivo integrado por Fernando Acuña Castroviejo, catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Santiago (USC); Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía da USC; Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra, catedrático de Historia Moderna da USC; e Pablo Sánchez, membro do Corpo Facultativo de Arquivos e neto de Xesús Ferro Couselo.
A segunda modalidade do concurso é para proxectos de investigación centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre personaxes de Valga , e está dotado cunha bolsa de estudos de 3.000 euros.
O xurado dos premios quixo recoñocer de forma especial dúas obras presentadas na primeira modalidade, cos títulos Isidro Parga Pondal: as redes de coñocemento científico e Emigrados galegos a Portugal durante a querra civil e a posguerra. Ferro Couselo naceu en Valga, Pontevedra, no 1906, e esta vila lembrao cada ano de xeito especial con estes premios.

Deixar un comentario

Memoria fúnebre no pasamento de Ferro Couselo (1975)

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ. Galicia Hoxe
En Cordeiro, no concello de Valga, nacía hai agora algo máis de cen anos un dos nomes fundamentais da cultura galega que fixo da investigación e dos estudos etnográficos, históricos, arqueolóxicos… os motivos recorrentes dunha parte da súa biografía. Ademais, as colaboracións en diferentes revistas e xornais foron frecuentes e o seu labor acadou recoñecementos e enxalzamento tanto por parte dos seus contemporáneos como por aqueles discípulos que gabaron e proseguiron a esencia do seu traballo. Xesús Ferro Couselo (1906-1975), vinculado aos estudos prehistóricos por vocación e traxectoria familiar, (un seu tío, arqueólogo e historiador, foi determinante na súa vocación), desenvolveu unha intensa promoción da cultura galega e formou parte de organismos e institucións claves no discorrer daquela Galicia do primeiro terzo do século XX: Seminario de Estudos Galegos, Grupo Nós, Mocidades Galeguistas, Real Academia Galega…
Certamente, a produción como articulista de Ferro Couselo é moi importante e, dese corpus de traballos heteroxéneos, os escritos en galego son escasos (maioritariamente están en castelán e só uns poucos foron editados en portugués) e, entre eles, salientamos aqueles de orientación etnográfica, lingüística, folclórica, relixiosa… e, sen dúbida, A vida e a fala dos devanceiros (1955) sitúse nun lugar moi sobranceiro do seu labor.
No 1975, coincidindo coa data do seu pasamento, saíu do prelo este opúsculo que recolle a homilía pronunciada no mes de abril polo padre Xosé Isorna na igrexa de Santa Comba de Cordeiro. Unha memoria fúnebre onde se enxalza a condición humana e o labor cultural dun home humilde alonxado da fachenda. En palabras do oficiante, Ferro Couselo fora un traballador a prol da ciencia e alguén que “coñecía a Historia do noso pobo cunha riqueza de datas de feitos, de tradicións, de falas e ditos dos devanceiros, que poidera, moi ben, ser chamado un arquivo vivente, unha biblioteca en movimento, que andaba a cotío chea de sabencia e de abondosa información”..

Deixar un comentario