Posts Tagged fotografías antigas

Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia

Puiden mirar, por fin, a exposición Unha mirada de antano: Fotografía de Ruth Matilda Anderson en Galicia, na Fundación CaixaGalicia de Santiago. Encantoume, pareceume marabillosa.

A fotógrafa estadounidense traballaba para a Hispa nic Society of America, que pretendía crear unha colección sobre imaxes de España. Con esa finalidade viaxou desde Nova York a Vigo acompañada polo seu pai Alfred, en agosto de 1924. Volveu en máis ocasións, realizando ata seis viaxes por España, case catorce min imaxes con notas e comentarios. Delas, cinco mil duascentas tirounas en Galicia, primeiro entre 1924 e 1925, e despois, acompañada pola fotógrafa Frances Spalding, entre 1925 e 1926.

As fotografías de Ruth constitúen un documento excepcional, tanto polo seu valor etnográfico e histórico, como polo pracer estético que provocan. Reflicten unha época hoxe perdida, pero que en moitos aspectos se estendeu ata principios dos anos setenta na Galicia rural. Eu mesmo, sentín ecos de obxectos, paisaxes e ambientes da miña infancia visitando a exposición. Son imaxes perfectamente contextualizadas grazas as notas que as acompañan e dunha extraordinaria calidade, o que non pode facernos pasar por alto o esforzo e as dificultades que tivo que pasar para viaxar con todo o seu instrumental pola Galicia dos anos vinte. Que pensarían os paisanos destes estranxeiros que chegaban as súas esquecidas aldeas e os facían protagonistas do seu interese?
Todas as fotografías, comezando polas dos propios autores, son dunha enorme elocuencia que nos fai percorrer a sala devagar, demorándonos moito máis do previsto. A planificación e a exhaustiva composición non lles fai perder nin un ápice de vida. Información e emoción súmanse nunha unidade perfecta.
Canta pobreza! Esa foi a exclamación que lles escoitei, máis dunha vez, a unha parella de persoas maiores cos que compartín a viaxe ao pasado. Si, realmente a pobreza da Galicia da época esmágate (aínda que tamén había clases). Pobreza que se reflicte nos nenos e mulleres que, e isto aumenta o seu interese, teñen un papel protagonista nas fotografías. E case ninguén sorrí, a vida era demasiado dura. Esta é a Galicia da emigración, de curas e caciques, e para coñecela, esta exposición é moito máis cun libro aberto.
Que fixemos coas nosas vilas e aldeas? Esta é a pregunta que me veu á cabeza cando observei as imaxes das vilas e aldeas, cheas de harmonía arquitectónica, fundíndose casas e paisaxe, fermosas. Gran parte dese patrimonio tirámolo ao lixo nestes anos de estúpido ‘desarrollismo’, que mágoa!
En definitiva, unha exposición imprescindible para todos os que queren saber, para todos os que queren gozar. Aínda que deixo aquí algunhas fotografías hai que velas de preto, non deixedes de facelo.
Heladio

Deixar un comentario

Ruth Matilda Anderson: Unha mirada de antano

A fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson percorreu Galicia, en dúas viaxes, entre 1924 e 1928 tirando unhas fotografías fermosas e suxerentes que hoxe podemos mirar na exposición organizada pola Fundación Caixa Galicia: “Unha mirada de antano”, que viaxa por distintas cidades galegas.

Anderson tirou máis de 5.000 fotos para un traballo encargado pola Hispanic Society de Nova York. Na exposición, dependendo do espazo dos locais, poderanse ver entre 160 e 439 fotos. É un excelente documento etnográfico, ao que hai que sumar as virtudes estéticas das imaxes.

As fotos amósanos unha Galicia de agricultores e pescadores que loitan tódolos días por sobrevivir. As mulleres teñen un papel protagonista: elas portan enormes cestas, maletas e bidóns de leite. Elas venden os pouco excedentes agrarios e traballan na casa e nas leiras. Os homes pescan, preparan a pedra e serran os piñeiros.

Deixou constancia de como as peixeiras cargaban a súa mercadoría na cabeza dente o porto ata o mercado, de coma o toxo, daquela un importante recurso madeireiro, estaba presente en todos os postos da praza da Leña de Pontevedra, ou de como a Compostela dos estudantes e a choiva non era tan distinta hai oitenta anos, un tempo no que xa en Vigo había debates nacionalistas e independentistas.

Nas fotos vemos ás persoas, pero tamén as rúas e as casas. Casas burguesas de luxo nas cidades que contrastan coa miseria da maioría das casas e pallozas campesiñas. Tamén aparecen as feiras, eses mercados rurais onde buscar unn poucos cartos cos que mercar roupa ou pagar os trabucos, e as romarías, onde a pesar de todo, a xente se divirte.

Presentación en Flickr

Deixar un comentario

UNHA OLLADA AO PASADO

O CEIP Manuel Rivero recrea unha aula da primeira metade do século XX O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Manuel Rivero (Lalín) organizou a exposición Unha ollada ao pasado, con ánimo de homenaxear o traballo de difusión da lingua galega desenvolvido durante a primeira metade do século XX en moitas escolas do rural. A mostra inclúe máis dun centro de fotografías antigas, obxectos e aparellos típicos e mais a recreación dunha aula da época, na que pode verse, entre outras cousas, unha colección de publicacións en lingua galega editadas con anterioridade a 1982. A exposición estará aberta ao público, nas instalacións do propio colexio, ata finais de abril en horario de 9 a 14 horas. http://centros.edu.xunta.es/ceipmanuelrivero/?q=node/22

Deixar un comentario