Posts Tagged Mocedades Galeguistas

XESÚS FERRO COUSELO (1906-1975)

1996 Ferro Couselo nunha caricatura de Siro LópezO investigador e ensaísta Xesús Ignacio Ferro Couselo viu a luz en Santa Comba de Louro (máis coñecida por Cordeiro), pertencente ao concello pontevedrés de Valga, en 1906. Entrou no seminario compostelán en 1918, e, tras simultanear estes estudos cos de Filosofía e Letras —na sección de Historia—, conseguiu doutorarse na Universidade Pontificia. Nesta altura o Ferro Couselo universitario, moi interesado pola prehistoria (o influxo do seu tío Xosé Couselo Bouzas, arqueólogo e historiador, resultaría determinante na súa traxectoria), faría relación cos membros da xeración do Seminario de Estudos Galegos, decidindo non continuar coa carreira eclesiástica.
En 1931, ao tempo en que principiaba o seu traballo como profesor nun colexio vigués, comezou a colaborar na revista Logos (de ideoloxía galeguista e cristiá) e participou en Pontevedra na fundación do Partido Galeguista. Transladado en 1935 como profesor interino ao instituto de Tui, creou nesta vila a revista Tude (que el mesmo dirixiría) coa colaboración dos irmáns Álvarez Blázquez, alumnos seus. Un ano depois foi elixido vicepresidente das Mocedades Galeguistas, mais, co obxecto de preparar as oposicións, tivo que establecerse en Madrid, onde o sorprendeu a sublevación militar. Ficou na capital española durante o conflito, traballando con diferentes entidades (a CNT, Patrimonio, Cruz Vermella) e formando parte das Milicias Populares Galegas da Frente Popular.
Unha vez finalizada a guerra e tras gañar unha praza no corpo facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, retornou a Galiza e instalouse en Ourense. Nesta cidade realizou un valiosísimo labor en defensa do noso patrimonio histórico e artístico, como director do Museo Arqueolóxico Provincial (xestionou a súa ubicación no palacio episcopal e acrecentou considerabelmente os seus fondos); iniciou tamén a publicación do Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense (1943-1953) e do Boletín Auriense (1972-1981). Na súa faceta de animador cultural destaca o seu papel na fundación en 1950 da revista Posío. Arte y Letras e anos máis tarde, en 1967, da Asociación Cultural Auriense. Tamén traballou como arqueólogo, partillando excavacións con Xaquín Lorenzo.
En 1951 accedeu á Real Academia Galega (desde onde apoiou en 1963 a iniciativa de Fernández del Riego para instituir o dezasete de maio como Día das Letras Galegas) e un ano despois, en 1952, publicou a súa tese de doutoramento, dirixida por Armando Cotarelo Valledor, baixo o título de Los petroglifos de términos y las insculturas rupestres.

Aínda que publicou en galego e español diferentes artigos históricos, etnográficos, artísticos e lingüísticos en xornais e revistas (Logos, Compostellanum, La Noche, Fin de Semana, La Región, a revista portuguesa Bracara Augusta), a súa única obra editada en volume será A vida e a fala dos devanceiros (recompilación de textos dos séculos XIII e XIV), que Galaxia —en cuxa fundación participara— deu a coñecer no ano 1955.

Ferro Couselo faleceu na cidade das Burgas en 1975, sendo enterrado na súa aldea natal. O Día das Letras Galegas de 1996 dedicouse á súa homenaxe.
http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=XesFerro&alias=Xes%FAs+Ignacio+Ferro+Couselo&solapa=biografia

Advertisements

Deixar un comentario