Archive for Maio, 2011

Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia

Puiden mirar, por fin, a exposición Unha mirada de antano: Fotografía de Ruth Matilda Anderson en Galicia, na Fundación CaixaGalicia de Santiago. Encantoume, pareceume marabillosa.

A fotógrafa estadounidense traballaba para a Hispa nic Society of America, que pretendía crear unha colección sobre imaxes de España. Con esa finalidade viaxou desde Nova York a Vigo acompañada polo seu pai Alfred, en agosto de 1924. Volveu en máis ocasións, realizando ata seis viaxes por España, case catorce min imaxes con notas e comentarios. Delas, cinco mil duascentas tirounas en Galicia, primeiro entre 1924 e 1925, e despois, acompañada pola fotógrafa Frances Spalding, entre 1925 e 1926.

As fotografías de Ruth constitúen un documento excepcional, tanto polo seu valor etnográfico e histórico, como polo pracer estético que provocan. Reflicten unha época hoxe perdida, pero que en moitos aspectos se estendeu ata principios dos anos setenta na Galicia rural. Eu mesmo, sentín ecos de obxectos, paisaxes e ambientes da miña infancia visitando a exposición. Son imaxes perfectamente contextualizadas grazas as notas que as acompañan e dunha extraordinaria calidade, o que non pode facernos pasar por alto o esforzo e as dificultades que tivo que pasar para viaxar con todo o seu instrumental pola Galicia dos anos vinte. Que pensarían os paisanos destes estranxeiros que chegaban as súas esquecidas aldeas e os facían protagonistas do seu interese?
Todas as fotografías, comezando polas dos propios autores, son dunha enorme elocuencia que nos fai percorrer a sala devagar, demorándonos moito máis do previsto. A planificación e a exhaustiva composición non lles fai perder nin un ápice de vida. Información e emoción súmanse nunha unidade perfecta.
Canta pobreza! Esa foi a exclamación que lles escoitei, máis dunha vez, a unha parella de persoas maiores cos que compartín a viaxe ao pasado. Si, realmente a pobreza da Galicia da época esmágate (aínda que tamén había clases). Pobreza que se reflicte nos nenos e mulleres que, e isto aumenta o seu interese, teñen un papel protagonista nas fotografías. E case ninguén sorrí, a vida era demasiado dura. Esta é a Galicia da emigración, de curas e caciques, e para coñecela, esta exposición é moito máis cun libro aberto.
Que fixemos coas nosas vilas e aldeas? Esta é a pregunta que me veu á cabeza cando observei as imaxes das vilas e aldeas, cheas de harmonía arquitectónica, fundíndose casas e paisaxe, fermosas. Gran parte dese patrimonio tirámolo ao lixo nestes anos de estúpido ‘desarrollismo’, que mágoa!
En definitiva, unha exposición imprescindible para todos os que queren saber, para todos os que queren gozar. Aínda que deixo aquí algunhas fotografías hai que velas de preto, non deixedes de facelo.
Heladio

Deixar un comentario

Os artesáns do cazume

07.05.2011 Mr. Misto estrea hoxe en Melide un documental que recupera o peso das telleiras, un duro oficio co que acabaron a industrialización e a emigración

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO

A casa-museo de Furelos, en Melide, acollerá hoxe ás 21:00 horas a estrea de Telleiras, un documental da produtora Mr. Misto que recupera a importancia que tivo este oficio en extinción nos pobos de Furelos, Piñor e Leboreiro a mediados do século pasado. Veciños como Maruxa, María, Concepción, Manuel e Delmiro lembran a dureza dunha profesión totalmente artesanal na que traballaban de sol a sol entre os meses de xuño a setembro. Quizais foi ese un dos motivos que levou a que a partir dos anos 60, cando se impuxo a industrialización e mecanización da súa produción, este oficio caese no esquecemento e que así continúe pasados os anos.

En poucas ocasións este oficio pasou de pais a fillos.”Os netos desa xeración nin sequera coñecen a existencia dos fornos”. Así o asegura Xoán Mariño, produtor executivo da cinta, ademais de guionista, que comezou a investigar sobre as telleiras de Melide “hai tres ou catro anos” coa intención de elaborar “unha serie de documentais sobre oficios tradicionais galegos”.

Nestes concellos de Melide existe unha das condicións necesarias para este oficio: os seus terreos son arxilosos. “Eran zonas nas que a agricultura tiña pouca saída, así que os veciños optaron por crear fornos comunais para elaborar tella”, comenta Mariño.

A actividade tivo o seu auxe entre os anos 40 e 50 do século pasado até a década dos sesenta. Despois, a emigración e a impronta da industrialización acabou co oficio. “Foi algo curioso porque houbo moita emigración a Bilbao para traballar nos altos fornos. E a xente que se quedou aquí non seguiu co oficio, xa que ademais de ser moi duro, tampouco daba moitos rendementos económicos”, explica o produtor da cinta.

As telleiras tiñan unha estrutura formada por unha pía -un espazo xeralmente aberto onde se amasaba o barro-, unha caseta -un pendello onde se gardaban as ferramentas-, unha eira -o aberto onde se poñían a secar as pezas antes de cocelas-, un leñeiro -onde se almacenaba o material para queimar-, un forno e un pallete -o almacén das pezas antes de ser cocidas-.

“Cando acababan as fornadas facían unha romaría”

No documental recóllense as testemuñas de tres telleiros que xa superan os 80 anos, un fillo dun artesán e un carpinteiro que detalla o uso de ferramentas nas telleiras. “Unha das anécdotas que contan no filme é que a final do verán, cando remataban de cocer facían unha romaría para festexalo”, indica Xoán Mariño. De aí tamén o trasfondo cultural deste oficio. “Nas telleiras cantaban e celebraban. O feito de ir ás fornadas era un punto de encontro e de festa, a pesar do duro que era, xa que dependían moito das condicións meteorolóxicas para que o seu traballo tivese un bo fin”, engade o produtor executivo do documental.

As tellas que se facían en Melide non se vendían moi lonxe de alí. “Manuel de Casilda conta no documental que ían á feira de Lalín a vender as tellas. Normalmente, ían de feira en feira, aproveitando que era onde se congregaba moita xente, para vendelas. Aínda hoxe podes ver esa tella nalgúns tellados da zona”, sinala Mariño.

Os telleiros tamén contaban coa súa propia xerga, un vocabulario que tamén aparece recollido no documental. “Hai unha palabra moi fermosa: cazume, que fai referencia á cinsa coa que se cobre a tella despois de cocida ou “grade”, un instrumento que se utilizaba para dar forma á tella”, comenta Mariño. Para que este patrimonio inmaterial non se perda, e aínda que o Museo Terra de Melide xa ten publicada información a este respecto, Mr Misto ten a intención de elaborar un libro no que se recolla este vocabulario.

O domingo tamén se poderá ver o documental na Casa do Concello, que permanecerá aberta dende as dúas ata as seis da tarde, proxectando o filme ininterrumpidamente para que todos os veciños poidan achegarse a vela.

Os ricos melindres poñerán a guinda a esta edición da festa tan cinematográfica, que culminará co pregón do actor Manuel San Martín, un dos protagonistas da serie Libro de familia.

INVESTIGACIÓNS

Un patrimonio que se atopa na actualidade en “total abandono”

Un dos escasos estudos que existen en Galicia sobre este oficio é o elaborado por Xosé Lois Ladra, As telleiras tradicionais. O exemplo artesán, que recibiu o Premio de Investigación de Pontedeume en 2006. Un traballo no que o historiador pon de manifesto o estado de “total abandono” dos espazos onde se desenvolveu esta actividade. O autor define as telleiras como “establecementos industriais que marcaron unha época de transición entre as economías premodernas de base agropecuaria e a actual sociedade de mercado inmersa na dinámica capitalista mundial”. A través da análise dun dos casos máis importantes deste oficio en Galicia, o da Telleira “Arzúa” en Ares, o investigador rastrea as súas pegadas na tradición oral. Así, por exemplo, nas cantigas populares as tellas adoitábanse empregar como “metáfora do sexo feminino”. De aí adiviñas como “unha restra de señoras, cando mexa unha, mexan todas”. Os artesáns, tamén coñecidos como cabaqueiros, tiñan a súa propia xerga do mesmo xeito que canteiros, cesteiros ou afiadores. O seu verbo incluía palabras, hoxe case desaparecidas, como “moio”,a cantidade de tellas que se precisan para encher un carro de bois.

Deixar un comentario

As augas galegas, unha historia de culto desde a época prerromana até hoxe

24.04.2011 Primeiro foi mantial curativo dos habitantes das vilas tocadas polo don da auga, despois salubre reducto de veraneo e socialización dos adiñeirados

MARGA TOJO
Tomar as augas ou ir ás augas. Así se denomina tradicionalmente en Galiza á recurrencia aos baños salutíferos que poboan a nosa xeografía.Pero a expresión contén máis información da aparente, pois as fontes clásicas empregan tamén o plural aquae, o que reforza a existencia dunha longa historia do termalismo na comunidade. Xa Plinio o Vello documenta como Galiza e o norte de Portugal presentan a maior concentración de ‘cidades Aquae’ dentro do territorio peninsular.
Primeiro foi mantial curativo dos habitantes das vilas tocadas polo don da auga, despois salubre reducto de veraneo e socialización dos adiñeirados. A boiante historia das augas mineromedicinais galegas logrou, non obstante, na última década democratizarse para chegar á maioría do público que pode acceder aos efectos beneficiosos das súas cualidades, mais aínda queda moito por percorrer. En Europa, más de corenta millóns de persoas acoden cada ano aos balnearios e en España, no 2009, a cifra de agoiristas foi de un millón duascentas mil dos que máis de cento corenta mil corresponden a Galiza. Porén, o estudo de Raquel Casal e Silvia González Os balnearios de Galicia. Orixe e desenvolvemento lembran que, ao contrario do que acontece na maioría dos países europeos, as terapias termais non están incluídas como prestación sanitaria do Sistema Nacional de Saúde do Estado español.
A historia termal tal como a coñecemos hoxe arrincou como unha opción das elites. Conta un libro que acaba de publicar Galaxia baixo o título O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia 1700-1936, de Luís Alonso Álvarez, Elvira Lindoso e Margarita Vilar que os nativos coñecían as propiedasdes salutíferas dos mananciais desde tempos anteriores á conquista romana. A tradición relata que aplicaron a auga ás necesidades da vida e que apreciaron as propiedades curativas das fontes, especialmente das termais, convertidas nunha sorte de centros de perergrinación de enfermos. Pero o culto á auga remóntase á época prerromana, tal como demostran as investigadoras da USC Casal e González: “O coñecemento exhaustivo da realidade espacial que rodeaba os primeiros poboadores foi unha condición sine qua non para a súa supervivencia (…). As augas mineromedicinais formarían parte así desas augas localizadas nas que, cunha serie de peculiaridades facilmente recoñecíbeis (mal olor ou mal sabor, elevada temperatura, burbullar, vapor…), chamarían a atención significativamente a eses primeiros poboadores, máis aínda á hora de comprobaren empíricamente que tiñan propiedades salutíferas. (…) Nese sentido, cómpre chamar a atención sobre o feito de que o territorio da antiga Gallaecia é privilexiado en canto á información indirecta que achega sobre as tradicións prerromanas vinculadas ao culto destas augas”.
Non obstante, O lecer das augas recolle como foi na segunda metade do século XVIII e principios do séxulo XIX cando a monarquía e as clases adiñeiradas redescubriron moitas fontes abandonadas ou utilizadas polos veciños nalgúns casos desde a época romana –por exemplo, carballo, Caldas de Reis, lugo, molgas ou cuntis–. impulsados polo crecente interese político e social, moitos baños foron rehabilitados e publicitados na prensa da época. Porén, as formas de consumo nesta primeira etapa resultaron moi elementais, restrinxido o seu emprego ás doses en bebidas e ao baño en inmersión, case sempre en pías colectivas de cinco ou dez persoas. En xeral eran píos de cantería labrados na terra sin ningún abrigo.
Como no ocaso dos tecidos de liño ou na lenta evolución das conserveiras até a chegada de capital catalán ao negocio, o termalismo galego instalábase na obrigada decadencia. O catedrático de cirurxía e anatomía da Universidade de santiago de Compostela, Pedro Gómez de Bedoya, recolleu en 1765 nun pequeno manuscrito titulado Descripción de 54 fuentes minerales del Reyno de Galicia o abandono dos baños galegos, 34 dos cales se achaban en lamentábel estado de desamparo. Entre outras cuestións, bedoya criticaba a falta de coñecemento dos facultativos sobre as propiedades.
Dous factores fundamentais, escriben os tres autores, impulsaron a instalación das primeiras casas de baños ‘modernas’ de Galiza durante a primeira metade do séxulo XIX. por unha parte, a aprobación das primeiras regulacións de baños baixo o reinado de Fernando VIII, que estableceron normas básicas para o goberno, inspección e uso de instalacións á vez que introduciron a obriga de dispoñer de directores médicos nos establecementos máis significativos. O incipiente marxo lexislativo recoñecía catro casa de baños oficiais en Galica en 1816, dun total de 31 identificadas no conxunto do Estado: Caldas de Cuntis, Caldas de Reis, Caldelas de Tui e Cortegada. Só as dúas primeiras conseguiron dirección médica nas oposicións celebradas un ano despois.
O segundo elemento impulsor recaeu na existencia de iniciativas de investimento nos baños por parte de empresarios ou persoeiros locais. Así, detrás das dúas casas de baños de Caldas de Reis estaban o político ilustrado Pedro Acuña y Malvar e o escribán Joaquín Dávila. En Cuntis, o conde de Ximonde, que impulsou a creación dos baños en agradecemento á virxe por unha curación. En Ourense, os baños de Cortegada e partovia pertencían aos cidadáns do lugar e a fonte principal do Carballiño estivo en mans municipais durante case todo o Oitocentos, igual que Sousas e Caldeliñas, en Verín.
Pero, cal era a posición de Galiza no conxunto de España? Alonso, Lindoso e Vilar responden que en conxunto, Galiza, con sete balnearios oficiais convertiuse na comunidade con maior número de establecementos termais no censo de 1833. Pero case dúas décadas máis tarde, caía á terceira posición, por detrás de Andalucía e Castela, e empatada con Euskadi, malia a incorporación de Louxo, A Toxa e Lugo. Aínda que os procesos de desamortización e a toma do poder dos progresistas no 1854 contribuíron ao desenvolvemento da actividade balnearia, ao darlle pulo á renovación e facilitar o traspaso a mans de particulares, os grandes cambios para os balnearios galegos non chegaron até o derradeiro cuarto do século XIX.
A Restauración monárquica estimulou o investimento privado da burguesía, e Galiza non permaneceu completamente allea ao cambio de tendencia. É un período no que triunfan as tecnoloxías derivadas da máquina de vapor aplicadas con fins terapéuticos e créanse novas formas empresarioais para a explotación de balnearios. Durante eses anos a estructura interna do mapa balneario galego mudou radicalmente. Mentres en 1876 os balnearios históricos das zonas de Caldas de Reis (Dávila e Acuña) e O Carballiño (O carballiño e Partovia) lideraban o sector, o número de visitantes, no caso do século XIX dous titáns coparon o mercado: A Toxa e Mondariz. En realidade, nesta etapa hai dúas grandes categorías de establecementos: dun lado os balnearios tradicionais orientados cara a unha clientela popular e rexional, que ofrecían instalacións modestas, mais que, pouco a pouco melloraron as súas condicións hixiénicas e terapéuticas. Trátase de Caldas de Reis, Molgas, Cortegada, Caldeliñas, Sousas, Partovia ou O Carballiño.
Doutro lado, relata O lecer das augas, estaban os grandes establecementos que trataban de reproducir o modelo centroeuropeo das grandes estacións balnearias, atractivos centros de investimento para o capitalismo. Dentro desta tendencia, algúns balnearios españois adquiriron un compoñente lúdico e elitista, á vez que se converteron en pequenas vilas termais onde se combinaba a difusión dos novos tratamentos hidroterápicos con veladas musicais, faladoiros ou casinos. A esta época pertencen, por exemplom o casino de Archena (1899) ou o Casino de Caldas de Oviedo (1896), onde a clientela acudía en moitos casos co propósito de veranear e descansar sen necesidade de padecer ningunha doenza, o que os convertía en centros de vida social para aristócratas e persoas de maior nivel adquisitivo que o baleneario de descanso.
No caso galego axústanse a estas caracterísitcas A Toxa e Mondariz. Este último foi creado polos irmáns Sabino e Gumersindo Peinador, que lle encargaron ao arquitecto Genaro de la Fuente o deseño do Gran Hotel de Mondariz inaugurado na temporada de 1898. A vila dispuña de gabinete hidroterápico “con baños individuais de mármore de italia, duchas de todas clases, baños de asento, pulverizacións e inhalacións”. Completaban a oferta un hotel de luxo con restaurante, teatro, casino, café e capacidade para 500 hóspedes. En canto á Toxa, o proxecto estivo liderado por Euloxio Fonseca, acaudalado propietario de Pontevedra que se asociou con Fernando Rodríguez, farmacéutico de Xixón, e Laureano Salgado, un indiano oriundo de Caldas de Reis. Os tres constituíron la Toja SA cun capital de seis millóns de pesetas en 1903. A magnitude do proxecto requeriu o respaldo financeiro e político de Bernardo Mateo Sagasta, enxeñeiro, avogado e deputado en Cortes polo distrito de Caldas de Resis.
A belle epoque dos loucos anos 20
Os balnearios de alta categoría viviron unha especie de Idade de Ouro durante os anos vinte, grazas a unha lexislación favorábel e ao achegamento dos propietarios aos círculos de poder, factores moi relacionados entre si”. A Toxa e Mondariz atopábanse entre os establecementos balnearios máis demandados en España durante os anos vinte xunto a Cestona, Puenteviesgo, Archena, Ledesma ou Sobrón. Unha década despois, un artigo publicado en Anales de la Sociedad Española de Hidrología Médica situaba a Galiza á cabeza en augas medicinais.
Máis, pregúntanse Alonso, Lindoso e Vilar, que buscaban os visitantes dos balnearios da época? “As esixencias dos bañistas variaban segundo as necesidades terapéuticas e o seu poder adquisitivo. En xeral, os concorrentes máis potentes demandaban auga de calidadee, un bo emprazamenteo con clima suave, instalacións terapéuticas modernas, unha hospedaxe adecuada, posibilidades de distracción e fácil acceso. No último factor desempeñou un papel fundamental a conexión ferroviaria e telegráfica. tampouco podemos esquecer as tendencias de cada época e a notábel influencia de determinados personaxes públicos cuxos comportamenteos se imitaban como signo de distinción social. (…) Polo contrario, os receos das elites ao establecemento da II República en 1931, o afastamento do poder e a inestabilidade económica e política frearon o desenvolvemento das vilas termais nos anos previos á Guerra Civil. Á marxe das coxunturas políticas máis ou menos favorábeis, houbo máis factores que condicionaron a concorrencia balnearia nas primeiras décadas do XX, como a rápida difusión da medicina farmacolóxica e dos baños de mar ou ‘turismo de onda”.
Porén, paradoxalmentem desde os anos sesenta, cando aumentou a renda per capita, os balnearios do Estado entraron en decadencia –en Verín, por exemplo, a gran maioría pecharon e limitáronse a subministrar auga embotellada nas plantas de Sousa, Cabreiroá e Fontenova–. O boom do turismo de sol e praia condeou aos balnearios a unha lánguida existencia até a década dos oitenta. En 1985 empresarios do sector crearon a Asociación Galega de Propiedade Balnearia aos que actualmente pertencen dezanove dos vinte e un balnearios existentes na comunidade.
Os mal chamados spas
“Xunto aos balenarios, hoxe en día coñecemos a figura dos mal chamados en galego e en castelán spas ou balnearios urbanos que, fronte ao que acontece nos balenarios clásicos propiamente ditos, empregan auga común a diferentes temperaturas para proporcionar comodidade e benestar aos seus usuarios, sen un carácter especificamente salutíferoe sen necesidade, por tanto, de control médico”. Explícano Raquel Casal e Silvia González en Os balnearios de galicia. Orixe e desenvolvemento. O último modelo de edificio salutífero que xorde nos nosos días é o dos centros de talasoterapia que, como o seu nome indica, teñen carácter terapéutico e de lecer nos que se emprega auga do mar nunhas condicións específicas que favorecen determinados tratamentos de saúde. Aínda que puidese parecer que estes conceptos de balnearios, spas e centros de talasoterapia son conceptos relativamente recentes e de novo cuño, se rastrexamos a nosa historia, podemos comprobar que as súas raíces afondan moito no pasado, cuns antecedentes moi específicos en cada un deses casos e cun marcado protagonismo xa en época clásica e, sobre todo, no Imperio Romano.
Coa Igrexa topou a auga galega (cousa do demo)
“É aquí a clase de promesa e de profesión de fé que tendes a Deus? Pois prendedes velas xunto ás pedras, ás árbores, ás fontes e nas encrucilladas, que outra cousa é se non culto o demo?”
San Martín de Dumio, en De correctione rusticorum (572 d. C.)
Case sempre coincidindo con lugares actualmente explotados, hai testemuños da presenza do uso e aproveitamento dos mananciais en época prerromana e romana en Lugo, Carballo, caldas de reis, Cuntis, As Burgas, Baños de Molgas, Baños de Rande e Riocaldo. Pero tras a caída do Imperio Romano, a situación dos balnearios creados durante ese período somérxese nun baleiro documental. Nese declive –relatan as autoras de Os balnearios de galicia. Orixe e desenvolvemento–, a introducción do cristianismo como relixión oficial incidiu con forza, xa que se fomentou a crenza de que os balnearios antigos eran espazos de culto ao demo, redutos de tradición pagá. Así, as referencias aos cultos ás augas na Alta Idade Media aparecen fortemente criticados nos concilios episcopais dos séculos V e VI d. C. ou nalgunhas obras dos pais da Igrexa, como as de san isidoro de Sevilla .
Na procura da regulación da moral dos bos costumes relacionados cos baños aparecen no ámbito español entre os séculos XII e XIV unha serie de foros (de Teruel, Cuenca, Sepúlveda, Cáceres…) a modo de manuais de conducta para seguir naqueles espazos onde se cría que se fomentaba a luxuria e o pecado.
Non aconteceu o mesmo no caso daqueles territorios ocupados pola poboación árabe que, amante dos costumes herdados dos romanos e coñecedores das virtudes para a saúde dos mananciais de augas mineromedicinais seguiron a empregalas e construíron novos edificios.

Deixar un comentario