Archive for Abril, 2011

Exposición Galicia pola radio. A historia falada 1933-2008

A partir de hoxe a sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago acolle a exposición Galicia pola Radio. A historia falada, unha interesante mostra que se enmarca dentro do proxecto “Galicia pola radio. Desde os anos trinta á actualidade” patrocinado pola Fundación Caixa Galicia, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega.

A mostra, encadrada na celebración dos 75 anos de radio en Galicia, serve coma impresionante viaxe sonora e visual pola historia falada da nosa comunidade. Para que iso fora posible dotouse de todo tipo de material relacionado co medio, como fragmentos radiofónicos extraidos de fondos públicos e particulares, guións, micrófonos, aparellos históricos de radio, xornais, material gráfico e recreacións de ambientes sumamente atractivos para viaxar no tempo polo medio que marcou a xeracións enteiras.

Estruturada en tres andares, no baixo amósase diverso material divulgativo, o segundo dedícase a contidos máis interactivos, como un estudio de gravación, a exposición de radios antigas, unha sección con material proporcionado polo Consello da Cultura Galega e dous puntos de escoita nos que o visitante pode acceder a medio centenar de arquivos sonoros da radio en Galicia.

Pero destaca especialmente o primeiro andar, estruturado cronolóxicamente dende as orixes da radio ata a actualidade. A primeira referencia nos leva ata o ano 1932 baixo o lema “Así empezou todo” e continúa coa etapa 1932-1939 “Unha flor amañeceu en Galicia”, cando sintonizar unha emisora era unha proeza, todo era novo e sorprendente e a radio se anunciaba como defensora da identidade como cultura, servizo público e modernidade.

A seguinte época, 1940-1957 denomínase “Radio censura”, en clara referencia á dura posguerra, cando a radio se converte nun escape cara un mundo de soños e, moitas veces, un mundo prohibido, solitario e nocturno, para os que buscan. A etapa 1958-1977 “Cando os galegos entraron na radio” recolle un inicio de cambio. Comezan a obviarse as últimas prohibicións e os nenos e nenas de Galicia descobren e senten a radio como algo máxico, dun indefinido misterio oculto na súa intensa e abraiante luz interior.

A etapa 1978-1999 “Noticias de Galicia” reconstrúe a historia da radio da democracia e a autonomía galegas que conta, xa en liberdade, o que pasa en Galicia; a radio da realidade, da información, da sociedade que emerxe á superficie, que busca realidades. E finalmente a sección que vai dende o ano 2000 ata a actualidade bota unha mirada á radio de agora e a nova radio para Galicia: dixital, internet…

Esta mostra, ademais de homenaxear a un medio esencial de comunicación, serve para reavivar a memoria persoal e sentimental dos galegos, amosándolles aos máis novos a relevancia histórica e a singularidade da radio como medio de comunicación en Galicia.

A exposición poderá verse desde hoxe ata o día 19 de abril todos os días da semana, de luns a domingo, de 12:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 21:00 h. na sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago, situada na rúa do Vilar, número 19.

Deixar un comentario

OS OFICIOS MÁIS TRADICIONAIS DE GALICIA

Un destes oficios é o dos canteiros, que coa súa sabedoría artística traballan a pedra para a construcción, e tamén a lousa. Os canteiros son os labradores da pedra da arte popular e das máis espléndidas e fermosas obras da arquitectura galega e a súa existencia débese á abundancia de granito, fundamento da paisaxe galaica. En toda Galicia pódese atopar unha mostra destes excelentes artistas da pedra nas casas, igrexas, cruceiros, petos de ánimas, hórreos,  que constitúen as construccións máis típicas da arquitectura popular galega. Moitos destes artistas da pedra foron perfeccionándose a través do tempo e na actualidade teñen a Escola de Canteiros no Convento de Poio, en Pontevedra. Os canteiros, especialmente os da Terra de Montes, foron os artífices de boa parte do noso fecundo patrimonio monumental. Cómpre lembrar que teñen unha linguaxe propia que utilizan para comunicarse entre eles e que é chamada o “verbo dos arxinas” ou “latín dos canteiros”, pois coma moitos traspasaron as fronteiras da súa terra de orixe, esta é unha maneira de crear vínculos de fraternidade. Sempre levan a ferramenta propia consigo e acostuman instala-lo taller ó pé da obra.
Pero para que os canteiros poidan traballar na pedra, antes, os pedreiros teñen que arrincar dos montes os bloques de pedra. Na actualidade esta tarefa mecanizouse por completo, máis noutras épocas, para extrae-la pedra tiñan que usa-lo pico, as cuñas, o martelón, e finalmente a dinamita para rompe-los bloques de granito. Despois, co auxilio dunha ferramenta chamada “paoferro”, (unha barra de ferro usada coma palanca) subían ó carro dos  bois estes bloques de pedra.
Había outro oficio que era o dos chamados “serranchíns” , eles eran os que preparaban a materia prima, a madeira, que cortaban estes en táboas. A maior parte deles eran procedentes de Portugal. Xeralmente, ían dous serranchíns e máis un axudante, que cargaban as ferramentas que necesitaban para esta tarefa. Estas ferramentas eran a  machada, serra de aire, serrón, que hoxe case non se usan, pois existen os serradoiros con maquinaria eléctrica.
Dentro dos carpinteiros, hai que citar que existen os de distintas especialidades. Está o carpinteiro de armar, que é o que prepara e coloca a estructura dos pisos e tamén o teitume das casas. Atopamos tamén o carpinteiro de ribeira, que é quen constrúe embarcacións de todo tipo. Tamén está o cubeiro, encargado de face-las cubas do viño; polo xeral estes eran traballadores temporais nas zonas vitivinícolas. E por suposto, o carpinteiro de taller, que coma o seu nome indica ten un sitio fixo. Este fabrica os mobles para a casa e tamén as portas e fiestras.
O ebanista é máis especializado, e fai traballos máis finos. O torneiro realiza pezas de madeira torneadas. Producían obxectos de uso doméstico e foron ambulantes, como moitos outros oficios artesanais de Galicia. Os que fan soamente carros son os fragueiros, e os rodeiros, moito máis específicos, que fan unicamente as rodas.
Outro oficio é o dos cesteiros. A arte da cestería é anterior á cultura dos castros, a súa influencia pódese percibir, segundo algúns arqueólogos, na decoración trenzada das olas castrexas, nas alfaias prehistóricas e nos sinais de barro que cubrían as paredes das casas nas citanias. Os cestos fanse tanto na vila como no medio rural, e a materia prima é a madeira de castiñeiro, carballo, colmo (palla de centeo) e tamén vimbio.
Aínda non hai moito que os ferreiros fabricaban os utensilios agrícolas e tódalas ferraxes necesarias para os carros e as casas. O ferreiro traballa na forxa, onde se instala o fogón ó que se lle insufla aire co barquín. O material que utilizan é o ferro que extraen os mineiros, laminado nas ferrerías, que antigamente tiñan un mazo movido por unha roda hidráulica. Actualmente os ferreiros que non se dedican á artesanía limítanse a repara-las ferramentas que se compran nas tendas. Os ferradores, son ferreiros especializados. As ferraduras para as cabalerías ou os canelos para os vacúns polo xeral encárganllos ós ferreiros, aínda que hai algúns ferradores que as fan eles mesmos.
O oficio dos carboeiros é outro que en Galicia tiña por principais clientes ás forxas dos ferreiros. O carbón vexetal facíano con raíces de breixo ou polas de acacia, sometidas a un proceso de combustión lenta. O producto era levado por eles mesmos ás vilas, ata que se contou co transporte motorizado.
As tellas mailos ladrillos fanos os telleiros. O elemento básico é o forno, onde se cocen as pezas, e polo xeral traballa o mestre cos aprendices. Os telleiros do Baixo Miño, que ían traballar por toda Galicia, conservan un “latín” chamado cabaco, polo que son coñecidos como os cabaqueiros.
Un oficio que acadou moita raizame na nosa terra é o dos zapateiros, que tanto fabrican como compoñen todo tipo de zapatos. En Noia acadaron verdadeira liñaxe, e en Melide chegaron a contarse 20 talleres de zapateiros, que levaban os seus productos a distintas feiras. Alí, coma en Santiago ou en Betanzos, chegaron a ter confraría propia.
Non se pode esquecer ós zoqueiros , aqueles que facían zocos e zocas,, calzado habitual entre as xentes dun país húmido e aberto ás chuvias e neves das longas invernías que percorrían tódolos camiños de Galicia. As empeñas de coiro eran feitas polos zapateiros. Os paos que se facían eran de madeira de bidueiro, amieiro ou cerdeira. Os zapateiros acostumaban traballar no seu taller pero o final do outono deambulaban facendo os encargos que lles pedían. Neste caso levaban as ferramentas (aixola, trade, macico…) nun cesto cun aro grande.
O oficio dos oleiros consiste en facer con barro olas, xerras, cuncas, pratos, tarteiras, pucheiros…
Un dos oficios ambulantes é o dos cantorleiros e zarralleiros. A súa labor consistía en amañar pezas gastadas polo uso coas ferramentas que levaban nun caixón colgado ó lombo. O cantorleiro ocupábase da louza que estaba rota e o zarralleiro botáballe un remendo as tarteiras ou lles tapaba os buracos ás olas.
Tamén hai que nomear ós artesáns de instrumentos musicais tradicionais, coma gaitas, zanfonas, e de percusión como as pandeiretas e tambores. Este oficio tamén require que quen o fai teña coñecementos musicais.
E o oficio ambulante por excelencia, é o de afiador, o cal é moi característico de Ourense, e máis concretamente de Nogueira de Ramuín. Os afiadores ían polo mundo, polos lugares máis afastados da súa aldea,  ofrecendo os seus servicios. Tamén eles crearon unha linguaxe peculiar e propia, é o chamado “barallete”, que fortaleceu a comunidade do oficio. Levaban un asubío xeralmente feito de madeira de buxo que facían soar co seu tan coñecido pregón: “¡Afiador e paraugueiro…”.

Mónica Beatriz Suárez Groba, http://www.galiciaespallada.com.ar/artesans_tradicionais.htm
Bibliografía consultada: “galicia 2000: Cultura popular”, Xunta de Galicia.

Deixar un comentario